Adiada a XXXII Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene
23-10-2020
Perante as condicións meteorolóxicas adversas previstas para este sábado -alerta laranxa por vento intenso de forza 8 en boa parte do litoral da provincia da Coruña-, a Banda de Gaitas Airiños de Fene e o Concello de Fene tomaron a decisión de aprazar a XXXII Xuntanza de Gaiteiros, prevista para mañá ás 20.00 horas na Praza do alcalde Ramón José Souto González. O festival, que ía contar nesta edición coa actuación do grupo Tiruleque, realizarase finalmente noutra data da que informarán as entidades organizadoras próximamente.
Dende o ano 1989 Airiños de Fene organiza a Xuntanza de Gaiteiros coma “un acto para dar a coñecer a nosa música tradicional pero tamén para o intecambio de ideas e proxectos que axuden a potenciar tanto a música tradicional como o noso idioma e as nosas tradicións. Tradicionalmente Airiños de Fene aproveitou a celebración deste encontro anual “para homenaxear a algúnha persoa, grupo ou entidade que se caracterizara por gardar, recoller, recuperar, aprender e dar a coñecer tanto o baile como o canto e a nosa música tradicional”.