Sara Plaza Moreno obtén a XXXIII Edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
03-11-2020
Sara Plaza Moreno, nada en Bustarviejo, na serra de Madrid, en 1972, obtivo a XXXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Sara Plaza Moreno, titulado todos os pasos fan ruído, de entre 76 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXIII edición deste Premio, creado para homenaxear o poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galiza do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
A autora galardoada, mestra de formación, tradutora e revisora de textos, di contar tamén "cun feixe de debuxos e fotografías ciscadas aquí e acolá". Aprendeu galego pola súa conta, preocupada pola situación social e lingüística galega. Lera na prensa sobre as condenas xudiciais a catro rapaces independentistas galegos, e "dende unha dor física e moral que abranguía moitas dores" comezou a escribirse cun deles que se atopaba na cadea. Conta que nalgunha daquelas primeiras cartas ela desculpábase por non coñecer case nada de Galiza e tampouco non saber a súa lingua propia. Esa correspondencia, a amizade que entreteceron e as que dela agromaron, as moitas lecturas, o estudo devagar e a poesía, poñen diante dos seus ollos un mundo ao que, andando o tempo, decide trasladarse. A finais do verán de 2019 chega a Lugo para facer un mestrado na USC e, mentres estaba a preparar o seu TFM, durante o confinamento pola covid-19, gurgulla nas súas mans un libro de poemas. Foron os amigos os que primeiro se decataron e animárona a compartir a súa escrita. Ese libro é o que hoxe foi galardoado neste certame.
Sara Plaza Moreno súmase así á listaxe de autoras e autores galardoados no Pérez Parallé e que conta con nomes xa relevantes na poesía galega: Mario Regueira, Xiana Arias, Valentina Carro Padín, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto, María Rosendo, Lorena Souto, Marisol Gándara, Fran Cortegoso, Eduard Velasco, Jesús Castro Yáñez, Míriam Ferradáns, Carlos Lixó, Amauta Castro e Regina Touceda.
A entrega do premio terá lugar, se o permiten as circunstancias sanitarias, o próximo sábado 21 de novembro ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.
O xurado desta edición estivo integrado por Carlos Lixó, Lucía Novas e Iris Cochón.
Carlos Lixó (Carreira-Ribeira, 1991) é poeta e historiador. É doutor en Historia Medieval e profesor de ensino medio. En 2017 obtivo o Premio Pérez Parallé polo seu libro As casas.
Lucía Novas (Bueu, 1979) é poeta e docente. En 2000 obtén o Premio de Poesía Concello de Carral polo seu libro Epiderme de estío, publicado ao ano seguinte en Espiral Maior. Na mesma editorial publica en 2010 o seu segundo poemario, Neve (Premio Xohán Carballeira). En 2017 sae á luz en Kalandraka o que é, até o de agora, o seu último libro, Cervatos.
Iris Cochón (Compostela, 1968) é crítica literaria e teórica e, na actualidade, docente de Lingua e Literatura Española en Extremadura. É tamén tradutora de poesía galega ao castelán e fai parte do equipo editorial de Chan da Pólvora.