Afal Ferrolterra pon en marcha unha campaña de captación de fondos
05-11-2020
Baixo o lema # Afalcuentaconmigo, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer presenta o seu primeiro reto solidario, unha campaña de captación de fondos que se destinarán ao sostemento da asociación, dos seus centros de día e recursos terapéuticos nuns momentos nos que, segundo os responsables da entidade, “a actual situación de pandemia por Covid-19 trouxo consigo unha serie de problemas económicos aos que a nosa asociación é especialmente sensible”.
As doazóns canalízanse a través da plataforma de micromecenazgo Migranodearena. org e poderán realizarse durante todo o mes de novembro. As persoas que queiran colaborar deberán entrar na web ( https://www.migranodearena.org/reto/-afalcuentaconmigo) e seleccionar o importe que desexan doar á asociación.
Ademais, a propia páxina inclúe unha “calculadora fiscal” que permite á persoa cuantificar a desgravación fiscal que obterá na declaración da renda pola súa achega.
Calquera persoa poderá seguir a evolución da campaña tanto na páxina de Migranodearena. org como na web (http://www.alzheimerferrolterra.com) e redes sociais de Afal Ferrolterra onde se informará puntualmente dos logros obtidos.
Coincidindo co lanzamento desta iniciativa, os responsables de Afal Ferrolterra dirixíronse tamén estes días aos seus socios/ as, agradecéndolles en primeiro lugar a súa achega anual para que esta entidade siga sendo un referente na loita contra o
alzhéimer na comarca de Ferrolterra. Tamén lles piden que, na medida das súas posibilidades, colaboren coa iniciativa buscando novos “socios amigos” (persoas da súa contorna que se somen á asociación como socios/ as colaboradores ou, se tamén son familiares dun enfermo de alzhéimer, como socio/ as numerario) ou facendo algunha achega extraordinaria adicional á súa cota de socio/a.
A campaña # Afalcuentaconmigo finalizará o próximo 1 de decembro, coincidindo coaconmemoración do # givingtuesday, un “movemento global, sen ánimo de lucro, quepromove a solidariedade entre persoas, organizacións e empresas”. Tamén pretende “mobilizar a todos os cidadáns, familias, organizacións e empresas para que contribúan neste día mundial da doazón, co obxectivo final de expandir a solidariedade os 365 días do ano”.
Afal Ferrolterra
Afal Ferrolterra é unha organización sen fins lucrativos que xestiona dous Centros de Día Terapéuticos e outros recursos especializados para enfermos de alzhéimer e outras demencias. Na actualidade atende directamente a máis de 200 persoas afectadas pola enfermidade e dá apoio ás súas familias e coidadores.
Os obxectivos da entidade son: mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzhéimer ou outras demencias e das súas familias; sensibilizar á sociedade e aos profesionais sanitarios acerca da dimensión e impacto socio-familiar da enfermidade de alzhéimer; e promover recursos sociosanitarios que favorezan a autonomía persoal e funcional do enfermo e a súa familia.