Manifesto Institucional 25 Novembro 2020, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero
25-11-2020
Moción conxunta 25 novembro, Día Internacional Día Internacional Contra a Violencia de Xénero
Este 2020 está marcado pola pandemia da Covid-19 e a crise social e económica. Esta situación, volve evidenciar as desigualdades de xénero que sosteñen a un sistema que non protexe, nin ofrece vidas dignas e seguras ás mulleres. A situación de confinamento, as limitacións á mobilidade e as consecuencias das medidas tomadas para facer fronte ao coronavirus, intensificaron as violencias machistas.
Moitas mulleres atopáronse encerradas cos seus maltratadores nunha especial situación de vulnerabilidade e incerteza. Durante o primeiras seis semanas de corentena realizáronse máis de 4.000 detencións por violencia machista, ademais vemos un aumento de máis do 50% do uso servizo telefónico do 016 e de máis dun 100% do seu uso online. Segundo os datos do Ministerio de Igualdade, as chamadas ao 016 incrementáronse no mes de abril un 60% con respecto a abril de 2019, e as consultas online incrementáronse ese mesmo mes case un 600% comparado con abril do ano anterior.
Así mesmo, a pandemia do COVID-19 resaltou as diferentes fendas de xénero que seguen existindo en todos os ámbitos da nosa sociedade. Durante este período, as mulleres foron as protagonistas, tanto no ámbito sanitario —sendo elas a inmensa maioría de persoas traballadoras— como no ámbito dos coidados, vivindo situacións de precariedade e risco para a saúde para as empregadas do fogar e atención domiciliaria.
Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), as mulleres son maioritarias nos postos de primeira liña de combate da epidemia. Elas representan o 51% do persoal médico, o 84% de enfermería, o 72% en farmacia, o 82% en psicoloxía e un 85% do persoal que traballa nas residencias de maiores e persoas dependentes onde se deron as peores cifras de falecementos. Tamén son maioritarias noutros servizos esenciais como son o comercio e a alimentación, a limpeza de hospitais e representan a práctica totalidade das empregadas do fogar, dos coidados.
A isto súmase a maior carga das mulleres nas tarefas de coidados. O 70% destas tarefas son realizadas polas mulleres e neste contexto de coronavirus sufriron unha maior sobrecarga tanto polas condicións laborais do teletraballo, como polo coidado do fogar, menores e persoas dependentes. Esta sobrecarga de traballo non se viu respondida con mecanismos de corresponsabilidade desde todos os ámbitos:
administracións, empresas e fogares. Especialmente afectadas están as familias monoparentais, das que oito de cada dez teñen a unha muller á fronte.
Doutra banda, estímase que a nova crise económica vai afectar máis ás mulleres máis vulnerables que, en moitos casos, dependen economicamente das súas parellas. Fronte a esta situación, elaboráronse pactos pola recuperación económica en todos os niveis da administración para incidir e compensar os efectos da pandemia. Pero diversos expertos, expertas e organismos nacionais e internacionais (Ministerio de Igualdade, ONU, PNUD, etc.) están a alertar de que en épocas de crises o enfoque de xénero é un dos puntos que as administracións tachan da súa axenda, mentres que precisamente é nestas crises cando debemos reforzar a nosa mirada cara ás mulleres e as nenas, para poder paliar o dano real causado a todos
os niveis das súas vidas.
E é neste sentido onde é imprescindible aplicar a perspectiva de xénero como ferramenta de análise que nos permite introducir cambios reais e concretos cara á construción dunha sociedade igualitaria. Algo que debería estar presente en calquera plan de reconstrución para evitar un retroceso nos dereitos adquiridos.
A Comisión Europea recoñece que se non se avanza en políticas de xénero costaranos 70 anos alcanzar unha igualdade de salario entre homes e mulleres, 40 anos a correponsabilidade do traballo doméstico e 20 anos alcanzar políticas de xénero.
As crises anteriores incrementaron as desigualdades e discriminacións. A maioría de mulleres atópanse nas posicións máis precarias e vulnerables tanto no aspecto laboral como no social. Esta crise non a imos a pagar nós, necesitamos políticas que poñan a protección das persoas no centro, especialmente as máis vulnerables e as que van sufrir as peores consecuencias.
Por todo iso, é urxente a posta en marcha e profundización das actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para despregar xa medidas e políticas igualitarias nesta situación de crise multidimensional. E á súa vez, para iso é fundamental unha reconsideración dos nosos servizos públicos que estando feridos de morte, non poden atendernos nin garantir os nosos dereitos e protexer as nosas
vidas. Necesitamos unha aposta clara pola ampliación de recursos e reestruturación do público e o común.
Pero a esta situación de crise, súmanse outras que describen unha realidade preocupante, como é a situación das e dos menores ante as violencias machistas. Segundo os datos do Informe de Menores e Violencia de Xénero o 24% da mocidade no noso país entre 14 e 18 anos foi testemuña de episodios de violencia machista cara á súa nai e deles, o 77% confesa que foi maltratado/a directamente polo mesmo agresor, dos cales o 70% era o seu pai.
Estamos a vivir un colapso duns servizos xurídicos, sociais e sanitarios precarizados e recortados xa antes da crise do Coronavirus, que non poden pagar as vítimas de violencias machistas. Debemos resolver de forma urxente o acceso, a ampliación de tempo, dereitos e medidas de protección ás mulleres que conseguen a acreditación de vítima de Violencia de Xénero. A vixencia de dous anos para todas as actuacións (sen estimar tempos diferentes para diferentes actuacións) non é suficiente para que unha muller refaga a súa vida e poida acceder aos diferentes recursos que expón a lei, en canto a cuestións laborais, de formación (como as oposicións) e outras medidas de apoio sociolaboral.
Por outra parte, entre os ámbitos sobre os que se proxecta a transversalidade da igualdade e da prevención e loita contra a violencia de xénero, atópase o relativo á formación do persoal empregado público. A integración da igualdade de oportunidades na totalidade de actuacións das administracións públicas
depende, en gran medida, da formación das persoas que traballan nelas. Considérase necesario e imprescindible promover que todo o persoal posúa formación no ámbito da prevención e a loita contra a violencia de xénero.
Esta formación debe abranguer a todos os axentes dos diferentes ámbitos: persoal das administracións públicas, forzas e corpos de seguridade, persoal educativo, sanitario, o terceiro sector ou profesionais do ámbito xurídico.
Así, as entidades locais son para moitas mulleres o primeiro paso para saír do espazo da violencia e de aí a importancia de que todo o persoal da administración local adquira unha formación continua.
E por último, consideramos urxente o recoñecemento de todas as violencias machistas que afectan de forma incisiva na vida das mulleres e fomentan a cultura da violación e a violencia.
Por todo iso a Corporación Municipal do Concello de Fene, adopta os seguintes
ACORDOS:
● PRIMEIRO: Instar o Goberno de España a que se modifique a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero ampliando a propia definición de violencia de xénero, cumprindo co ratificado dentro o Convenio de Istambul en 2014. É dicir, que se inclúan as violencias contra as mulleres fora do ámbito da parella ou exparella, que se incorpore a violencia sexual, laboral, institucional e tamén que se incorporen os ventres de aluguer e a prostitución como violencia de xénero.
● SEGUNDO: Instar o Goberno de España a que se desenvolva unha Lei Integral para loitar contra Trata de Seres humanos, que ademais de previr e perseguir esta secuela e ás redes de delincuentes que se lucran con esta «escravitude moderna», conteña un plan de integración para as miles de vítimas, a maior parte mulleres e nenas, aínda sen cuantificar no Estado español, que é un dos principais destinos europeos das migrantes captadas polas redes para exercer a prostitución.
● TERCEIRO: Instar a que na comisión sectorial de igualdade amplíese o tempo de acreditación de vítima de violencia de xénero para posibilitar a súa inclusión en procesos de incorporación sociolaboral.
● CUARTO: Realizar un informe de impacto de xénero das propostas recollidas nos plans de reconstrución para incluír os factores de corrección necesarios para evitar aumentar os desequilibrios de xénero existentes.
● QUINTO: Impulsar plans de igualdade con suficientes recursos humanos e materiais. Así como mellorar os datos para a sensibilización social e a planificación e avaliación das políticas de igualdade.
● SEXTO: Avaliar a posta en marcha do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nas entidades locais e autonómicas para garantir que se está utilizando de maneira adecuada e os obxectivos que se están traballando.
● SÉTIMO: Implementar a educación afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de xénero desde a óptica feminista e desde a diversidade en todas as fases educativas.
● OITAVO: Reforzar as actuacións con menores en contexto de violencia de xénero e as actuacións dos puntos de encontro para adecuarse ao contexto.
● NOVENO: Desenvolver programas e accións formativas específicas en materia de igualdade de oportunidades e violencia de xénero, dirixidas a todo o persoal da administración local, así como desenvolver plans de formación e sensibilización contra a violencia de xénero de obrigado cumprimento ao persoal sanitario, educativo, xurídico e ás Forzas e Corpos de Seguridade, con cursos mantidos no
tempo, actualizados e avaliables.
● DÉCIMO: Fortalecer a rede pública de atención ás vítimas internalizando os servizos de atención directa, de acollida e a atención do teléfono de atención á violencia para posibilitar empregos dignos como primeiro paso para a boa atención, información e asistencia das vítimas de violencia de xénero.
● UNDÉCIMO: Desenvolver e profundar nas campañas de concienciación e información específicas para o contexto actual, implicando ás contornas próximas ás mulleres que sofren a violencia para que as apoien e comuniquen a situación ás administracións correspondentes.
● DUODÉCIMO: Asumir no nome de todo o Concello de Fene que erradicar a violencia de xénero, e o primeiro paso para acadar a igualdade real.