O comercio de Fene “tece igualdade” e comprométese na loita contra a violencia de xénero
25-11-2020
Ao redor de 60 establecementos do Concello de Fene locen xa o seu “Distintivo violeta”, selo creado pola Concellaría de Benestar e Igualdade para recoñecer o compromiso deste sector coa igualdade e contra todo tipo de violencias por razón de xénero. Amais de colocar nos seus escaparates un distintivo que os recoñece como tal, os establecementos adheridos á campaña asumen a aplicación práctica de varias medidas no trato diario coa súa clientela, como por exemplo o uso dunha linguaxe inclusiva en toda a información; a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes; non reproducir imaxes ou contidos sexistas que minusvaloren ou menosprecen ás mulleres e rexeitar as violencias por medio da posta en marcha de accións de prevención e denuncia.