Cultura segura para un “Nadal diferente” no Concello de Fene

Cultura segura para un “Nadal diferente” no Concello de Fene

A Concellería de Cultura ultima a programación de actividades que se desenvolverán do 17 de decembro ao 5 de xaneiro no marco da programación de Nadal 2020-2021. Baixo o lema “Un Nadal Diferente”, o ciclo incluirá unha sesión de contacontos para bebés, o tradicional concerto de Nadal e un segundo concerto a cargo de Nuevo Plan e finalizará coa recepción das SS MM Os Reis Magos de Oriente. Tódalas actividades estarán condicionadas ás restriccións derivadas da pandemia provocada pola Covid 19 e desenvolveranse baixo estritos protocolos de seguridade e hixiene. Neste senso, a través deste web municipal (www.fene.gal), o Concello de Fene informará en vísperas de cada unha das actividades das datas e procedementos a seguir para a adquisición das entradas, no caso de ser preciso.

Cunha sesión de contacontos para bebés a cargo de Rilo&Penadique comezará o xoves 17 de decembro ás 18.00 horas, na Biblioteca Municipal, o ciclo “Un Nadal diferente” no Concello de Fene. A actividade, que leva por título “Arre rú”, vai dirixida a nenos e nenas de 0 a 4 anos e terá unha duración aproximada de trinta minutos. Segundo informan dende a Concellería de Cultura, para asistir a este espectáculo será preciso reservar entrada, chamando á Biblioteca de Fene do luns 14 ao mércores 16 de decembro (tfno 981 342 302) até completar o aforo (15 nenos ou nenas acompañados dunha persoa adulta).

O góspel será o protagonista este ano do tracional Concerto de Nadal que organiza o Concello de Fene nestas datas. Desta vez a cita será na Igrexa grande de Maniños, o venres 18 de decembro ás 20.00 horas, e contará con “Happy Gospel” como grupo convidado. O concerto vai dirixido a todos os públicos e contará con aforo limitado a 30 persoas. Tamén neste caso será preciso reservar entrada, chamando ao Departamento de Cultura (tfno. 981 340 366) entre o 14 e o 18 de decembro.

Continuando coa programación de Nadal do Concello de Fene, o mércores 30 de decembro actuará na Praza do alcalde Ramón José Souto González (baixo carpa) o grupo “Nuevo Plan”, presentando “Os mellores hits da música pop nacional”. O concerto, para todos os públicos, comezará ás 20 horas e terá un aforo limitado a 146 persoas. En próximas datas, a concellería de Cultura informará do prazo e procedemento para a reserva de entradas.

Para pechar o “Nadal diferente” do Concello de Fene, as SSMM Os Reis Magos de Oriente acompañarán aos nenos e nenas feneses o martes 5 de xaneiro, a partir das 17.30 horas, na Praza do alcalde Ramón José Souto González (baixo carpa) onde se desenvolverá a tradicional recepción real coidando especialmente as medidas de seguridade e hixiene para facer fronte á Covid 19. Ademais, os pequenos e pequenas que aínda non o fixeran, poderán depositar ese día as súas cartas no buzón real (dispoñible xa na Casa do Concello a partir do luns 28 de decembro). Para a Recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar, haberá tamén aforo limitado. Reserva de prazas pendente de publicar no web municipal www.fene.gal.

Organiza: Concellería de Cultura de Fene
Colabora: Rede Cultural da Deputación da Coruña