O Concello de Fene mantén os obradoiros para persoas maiores a través da web e a radio municipal
10-12-2020
A pesar de que a situación sanitaria obrigou a suspender a programación presencial do Programa de Envellecemento Activo municipal "Tardes Activas" , área de Benestar e Igualdade do Concello de Fene mantén unha intensa actividade a través da web e das redes sociais, co obxectivo de manter no posible as rutinas que había antes desta crise.
"Tardes activas dende a casa" é un paquete de exercicios cognitivos ao que se pode acceder desde a web municipal estruturado nun reto á memoria para recordar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e, como remate, varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.
Trátase dunha iniciativa de dinamización pensada para todas as persoas maiores de 55 anos e non só para quen xa estivese participando nalgunha actividade do programa municipal de envellecemento activo. As solucións aos retos propostos poden enviarse ao correo servizos.sociais@fene.gal.
De maneira complementaria, o Concello tamén adaptou parte dos contidos a un formato radiofónico, de xeito que se faciliten as vías de participación ampliándoas a aquelas persoas que non teñan competencias dixitais ou que non dispoñan de ordenador ou alguén na casa que poida axudarlles.
Así, tódolos martes 12.00h poderemos seguir en Radio Fene o espazo "Fene na Memoria" proporcionando a través das ondas exercicios e actividades prácticas enfocadas á prevención do deterioramento cognitivo.
Para máis información dirixirse a:
DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS
Teléfonos: 981.492.706 / 981 342607 EXT 2256
Caixa electrónica: servizos.sociais@fene.gal