Abre o prazo de reserva de entradas para a Recepción Real que ofrecerán os Reis Magos de Oriente o 5 de xaneiro en Fene

Abre o prazo de reserva de entradas para a Recepción Real que ofrecerán os Reis Magos de Oriente o 5 de xaneiro en Fene

Na Casa do Concello de Fene instalouse esta mañá o Buzón Real no que os nenos/as que o desexen poden depositar as cartas coas súas peticións de agasallos de cara á festividade de Reis. Ademais, as persoas que queiran asistir á Recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar que terá lugar na  Praza do alcalde Ramón José Souto González o vindeiro martes 5 de xaneiro, poden solicitar praza dende hoxe e até o mércores desta semana, así como o vindeiro luns 4 de xaneiro, en horario 9:00 a 13:30 horas. As reservas poderán realizarse por teléfono (981 340 366), whatsapp (607 625 357) ou correo electrónico (cultura.deportes@fene.gal).

A Recepción Real terá lugar o martes 5 de xaneiro a partir das 17.30 horas. Haberá 3 quendas cos seguintes horarios de comezo: Melchor, ás 17:30 h; Gaspar, ás 18:30 h.; e Baltasar, ás 19:30 h. En cada quenda participarán un máximo de 15 unidades familiares (grupos familiares formados por un máximo de 5 persoas: 2 adultas e 3 nenos/as).

No momento de efectuar a solicitude deberá indicarse nome e apelidos de todas as persoas que van participar, teléfono de contacto e quenda de preferencia. Non se admitirán solicitudes por outros medios ou fóra dos horarios establecidos.

O persoal do Departamento de Cultura procederá a asignar as quendas atendendo á orde de recepción das solicitudes. A confirmación da quenda que lle corresponda a cada solicitante farase: no caso das inscricións telefónicas, no mesmo momento de recibir a chamada e, no caso das inscricións por correo electrónico ou por whatsapp, polo mesmo método polo que se fixo a solicitude. En calquera caso, para poder asistir ao acto, será imprescindible ter confirmación da quenda.

Ademais, segundo informan dende a Concellería de Cultura, se a demanda de participación supera o aforo previsto, poderán habilitarse novas quendas ás 16:30 e/ou ás 20:30.