Fene conmemorará virtualmente o seu ciclo do Entroido
08-02-2021
Malia que a situación epidemiolóxica impide a celebración das actividades que tiñan lugar na Praza do Concello o Martes de Entroido e o Mércores de Cinza, o Concello de Fene resístese a deixar pasar de baleiro unha das festas con máis tradición no termo municipal. Por iso, a concellería de Cultura habilitará un espazo na páxina web do Concello e nas súas redes sociais dende o que conmemorar virtualmente o ciclo do Entroido. As actividades desenvolveranse do venres 12 ao venres 19 de febreiro. Neste período, a través da web municipal fene.gal e do facebook do Concello de Fene, difundirase fotografías e vídeos das actividades desenvolvidas ao longo desta semana nos centros de ensino feneses. Así, os mandados do entroido, a confección de máscaras, os disfraces ou a interpretación de coplas por parte das nenas e nenos feneses, terán un oco neste "escaparate" virtual do Entroido.
En 2021 non haberá festa infantil nin reparto de doces de Entroido o martes de Carnaval. Tampouco veremos desfilar as comparsas polas rúas de Perlío e Fene o mércores de Cinza. A pandemia provocada pola Covid 19 obrigou a suspender o tradicional desfile e festival de comparsas, xunto coa queima do Meco e a sesión de fogos de artificio, que tiñan lugar ese día, festivo local no Concello de Fene. No seu lugar, de novo a "celebración" trasladarase ao mundo virtual cunha mostra e compilación de imaxes dos mellores momentos vividos nas últimas edicións do Entroido fenés.
Pero, o que non faltará este ano será a lectura do Testamento, documento asinado desta vez perante o notario "Don Aproveitado" e os testemuños "Dona Pandemia Segura" e "Don Peche Perimetral". Para a lectura do Testamento do Entroido, que se fará público o mércores de cinza, o Concello de Fene contará cun dos grandes da escea galega, o actor, director e contacontos Quico Cadaval, que será o encargado de poñer voz á mellor crónica satírica do acontecido en Fene, en Galicia e no mundo nos últimos meses.
Na presentación do Entroido virtual do Concello de Fene, dende o Departamento de Cultura saliéntase que, "malia a todas as complicacións ás que todas e todos temos que facer fronte este ano por mor da Covid-19, debemos contribuír a manter a tradición e manter acesa a chama do Entroido". Xa que logo, só queda desexar que se cumpra unha das mandas deste Entroido 2021:
Os influencers feneses
neste mundo virtual
farán do Entroido de Fene
un trending topic mundial.