Fene súmase á conmemoración do Día de Rosalía
24-02-2021
Cada ano, o 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, coincidindo coa data do nacemento da escritora galega máis universal. Aínda que neste 2021 o Concello de Fene non pode festexar a efeméride como tiña previsto, xa que a pandemia provocada pola Covid-19 obrigou a adiar as actividades programadas, a Concellería de Cultura acordou sumarse á proposta de conmemoración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Así, nesta xornada, fixada no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. Ademais, difunde un manifesto, redactado nesta ocasión pola escritora Anna R. Figueiredo. Por outro lado, a AELG anuncia que o acto central do Día de Rosalía de Castro terá lugar o vindeiro sábado 27 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela.