Cine e saúde para a rapazada de Fene, Mugardos e Neda
04-03-2021
Ao redor de cincocentos nenos e nenas asistirán nos vindeiros días a unha nova proxección do ciclo Cinesaúde, promovido polos Servizos Sociais dos Concellos de Fene, Mugardos e Neda, coa colaboración da Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública. A actividade encádrase nun programa de educación en valores co que, ademais, se pretende fomentar a prevención de condutas aditivas no eido local.
Para esta segunda sesión de Cinesaúde (do actual curso escolar) anúnciase o visionado da película “Abominable”, para cursos de Primaria, e de “Señor, dame paciencia”, para os de Secundaria. As proxeccións desenvolveranse nas datas establecidas polos propios centros participantes que, nesta edición, son: CEIP Plurilingüe Maciñeira, CEIP Plurilingüe San Isidro, CPI A Xunqueira, CEIP Plurilingüe Centieiras, CEIP Plurilingüe O Ramo, CEIP Plurilingüe Os Casais, CEIP Plurilingüe Santiago Apóstol, CEIP Plurilingüe Unión Mugardesa e CPR Loyola, todos eles con cursos de Primaria. E, en Secundaria, o CPI A Xunqueira e o CPR Loyola.
“CINE e SAUDE” é un programa destinado á prevención do consumo de alcohol e outros trastornos aditivos e comportamentais no eido escolar a través dos medios audiovisuais e as TIC.
Englóbase dentro do contexto da Educación para a Saúde e pretende ser un instrumento complementario nesta área e dentro do actual sistema educativo. Dende os Servizos Sociais de Fene salientan que “a intervención preventiva nos centros escolares debe comezar antes de que se establezan patróns de consumo que máis tarde serán máis difíciles de cambiar”.
O programa vai dirixido á poboación escolar de 4º 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de ESO, ao profesorado que imparte clases nestes niveis como axentes executores do mesmo e ás familias que, mediante as Anpas, teñen a posibilidade de organizar sesións para traballar os contidos da película e con esa información desenvolver hábilidades educativas que provocaran un efecto multiplicador na promoción da saúde. Nesta edición de “Cinesaúde”, participan 340 nenos/as de Primaria e 110 de Secundaria, ademais de 40 profesores. En liñas xerais, o programa consta de:
- Visionado da película no centro escolar
- Entrega das Unidades Didácticas, dirixidas ao alumnado (Caderno do Alumnado) e outras ao profesorado (Manual do Profesorado), para traballar na aula.
- Cada Unidade Didáctica desenvolve unha serie de explicacións que, dirixidas polo profesorado, permiten definir e orientar os contidos sobre os que se vai traballar e consta dunha serie de exercicios e actividades que facilitan a reflexión e participación do alumnado.
- Por último, ofertase un curso de formación do profesorado en Prevención de condutas adictivas a través dunha Plataforma de Teleformación en Internet dirixido a todos aqueles profesionais do ensino que estean interesados en ampliar os seus coñecementos no campo da prevención escolar. Con este programa trabállanse diferentes temas de interese relacionados coa prevención de condutas adictivas e promoción da saúde.