Declaración institucional Día da Muller
09-03-2021
O 8 de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora, tamén chamado Día Internacional da Muller, reivindica e visibiliza a loita das mulleres polos seus dereitos, participación e recoñecemento, en pé de igualdade cos homes, na sociedade e no seu desenvolvemento integral como persoa.
Este ano, a pandemia COVID-19 fixo visibel o papel imprescindible das mulleres para o sostemento da vida e de aqueles traballos esenciais para a sociedade. Estes empregos están ocupados maioritariamente por mulleres e son, ademáis, os mais precarios e invisibilizados, moitos deles mesmo sen cobertura legal. Caixeiras, limpadoras, traballadoras domésticas, coidadoras de diferentes ámbitos, sanitarias e un longo etc., foron visibeis no comezo desta crise e, aparentemente, recoñecidas social e institucionalmente. Porén, un ano despois as súas condicións laborais, económicas e sociais non melloraron, senón ó contrario, hoxe estes sectores sofren un maior impacto pola precariedade das súas condicións, a carencia dun sistema público de servizos básicos forte e a falta de medidas por parte da Xunta e dun Goberno Central que se poñen de perfil aliñándose cun sistema patriarcal e inxusto.
A isto súmase a desigual repartición das tarefas de coidados. O 70% destas tarefas son realizadas polas mulleres, ás que moitas sumaron o teletraballo, o coidado e sostén das persoas da casa, unha sobrecarga de traballo que non se viu respondida con mecanismos de corresponsabilidade desde todos os ámbitos: administracións, empresas e fogares. Especialmente afectadas están as familias monoparentais, das que oito de cada dez teñen a unha muller á fronte.
A permanencia das mulleres no emprego e as súas condicións de traballo, aínda están lonxe de producirse en igualdade de condicións; a brecha salarial, por exemplo, supón que as mulleres traballamos sen remunerar 51 días ao ano con respecto aos homes. A longo prazo, esta brecha salarial afecta as súas pensións.
Un dos camiños que conducen ó emprego de calidade e ó benestar social son as políticas de conciliación, pero non menos importante é a formación e o coñecemento. E para isto necesítase un consenso institucional, político e social que amose, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade, para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da desigualdade.
O feminismo impulsou no noso país unha resposta social sen precedentes, que inzou as rúas o 8 de marzo dos anos anteriores, precedidas de históricas mobilizacións, desde que no ano 2017 se fixeron as primeiras convocatorias de apio á folga internacional, emanada de Latinoamérica. Este 8 M o movemento feminista traballa para ocupar o espazo público doutra maneira, debido ás circunstancias sanitarias, pero coa mesma fortaleza e contundencia, xa que entendemos que corresponde ás institucións escoitar e recoñecer os debates que o feminismo galego está a colocar na axenda social e corrixir as desigualdades. A pandemia volveunos a relegar ás mulleres ao fogar, desprazándonos do espazo público. Non podemos permitir retroceder na relevancia de que a perspectiva de xénero impregne a reconstrución social e que o teletraballo non supoña facernos desaparecer do espazo público e a toma de decisións. Seguimos sendo invisibles na historia polo que seguiremos potenciando todas as actuacións que recuperen a nosa memoria histórica e sirvan de referentes ás mulleres actuais e futuras. Non podemos permitir que a pandemia sexa a coartada para conxelar avances sociais nin para retroceder nos nosos dereitos.
Por estas e moitas máis razóns é necesario que este Concello comprométase con potenciar e implantar a perspectiva de xénero nas actuacións que desenvolve e evitar que esta crise aumente as desigualdades e as discriminacións para o que é necesario cambiar os modelos patriarcais e capitalistas por modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia. Hoxe, o feminismo segue sendo imprescindible para reverter a desigualdade, loitar contra a intolerancia e o odio e transformar a sociedade.
ACORDOS
1. Apoiar dende o noso Concello as accións que se desenvolvan na reivindicación do 8 M facilitando con todos os medios materiais, persoais e de difusión o cumprimento das medidas hixiénico sanitarias dos actos que convoquen as asociacións de mulleres o 8 de marzo, que neste ano 2021 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres, do sistema económico, social e político no que vivimos, agravadas polo impacto da pandemia, que demostrou que a ida non podería sostentarse sen coidados que se desenvolven en moitas ocasións de forma gratuíta ou a costa da precarización de moitas mulleres.
2. Enarborar a bandeira feminista no Concello como símbolo de apoio á loita das mulleres.
3. Instar á Xunta de Galicia a asumir as súas competencias en materia de atención á dependencia. Mentres tanto, e en canto estas competencias sexan exercidas nunha parte fundamental polos concellos galegos, incrementar o finanzamento que achega ó sostemento do Servizo de Axuda no Fogar, para cubrir o custe real da prestación do servizo, asi como a modificación da actual normativa para que as empresas que vulneren os dereitos laborais e salariais das taballadoras non poidan concorrer ós procesos de licitación.
4.- Instar ó Goberno Central á aprobación dunha Lei de Igualdade Salarial para rematar coa brecha salarial de xénero entre homes e mulleres. Mentres dita Lei non sexa aprobada, que se incremente e dote de recursos suficientes á Inspección Laboral, có fin de perseguir calquera discriminación que por razón se xénero se produza no ámbito laboral.
5.- Instar ó Goberno Central á modificación e actualización da Lei de Conciliación e Corresponsabilidade do ano 1999, tendo en conta a nova realidade.
6.- Impulsar e reforzar o marco normativo municipal para que se introduza a perspectiva de xénero en tódalas políticas levadas a cabo dende o Concello de Fene.
7.- Incrementar dende o Concello o número de accións de formación en competencias que posibiliten a participación activa das mulleres nos procesos de toma de decisión, fortalecendo o seu liderazgo para defender as súas necesidades e os seus intereses.
8. Reforzar o compromiso do Concello coa igualdade de xénero e en contra das violencias machistas.
9.- Valorar os procedementos e as prácticas utilizadas no Concello, para evitar situacións de violencia institucional.
10. Eliminar a publicidade discriminatoria ou denigrante das mulleres, ben desde os soportes, publicacións ou transportes públicos (marquesiñas, autobuses taxis, guías, ou información turística,…) ben non contratando con medios privados que a manteñan ou potencien.