O vindeiro martes abre o prazo de preinscrición para “Un verán diferente” no Concello de Fene

O vindeiro martes abre o prazo de preinscrición para “Un verán diferente” no Concello de Fene

O campamento, dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos, desenvolverase no Colexio Centieiras de Perlío ao longo do mes de xullo

Un ano máis, a Concellería de Cultura de Fene volve apostar por favorecer a conciliación da vida
laboral e familiar e proporcionar, á vez, unha alternativa de ocio na nosa lingua ás crianzas durante as vacacións de verán. Neste senso e baixo estas dúas premisas, presenta a segunda edición do campamento “Un verán diferente” para o que abre o prazo de preinscrición o martes 1 de xuño. A actividade desenvolverase no Colexio Centieiras de Perlío durante o mes de xullo e vai dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos. Para preservar a saúde dos/as participantes, dende o Concello de Fene salientan que se aplicarán “as normas e protocolos que para este tipo de actividades decreten as autoridades sanitarias” e das que se informará antes do comezo da actividade.


“Un verán diferente” desenvolverase en dúas quincenas, do 1 ao 16 e do 19 ao 30 de xullo, de luns a venres (días laborais) e en horario, de 8:00 a 14:00 horas, aínda que se establecen dúas posibles quendas de incorporación dos nenos/as á actividade: “Madrugadores/as”, de 08:00 a 10:00 h. (os nenos e as nenas poderán incorporarse en frecuencias de media hora ao longo desta franxa horaria) e “Xogamos no exterior”, de 10:00 a 14:00 h (os nenos e as nenas terán que incorporarse ás 10:00 h e saír ás 14:00 h)

Por limitacións de aforo, organizarase o campamento en dúas quendas quincenais cun máximo de 40 prazas por quenda. Ademais, para favorecer a participación dun maior número de nenos/as só se poderá participar nunha delas. E como únicos requisitos, o Concello de Fene establece que os/as participantes deberán estar empadroados en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2021 ou estar matriculados nalgún centro de ensino do termo municipal no curso escolar 2020/2021.


As familias interesadas en apuntar aos nenos/as en “Un verán diferente” deberán realizar a preinscrición desde as 9.00 horas do 1 de xuño até as 14.00 horas do 4 de xuño, preferentemente por vía telemática, a través da sede electrónica, https://sede.fene.gal/, ou do Rexistro Electrónico Común, https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do. Excepcionalmente, tamén poderán facer a preinscrición presencial aínda que, para acollerse a esta modalidade, haberá que solicitar cita previa no teléfono 981 340 366 e acudir o día e a hora que se asigne provisto de máscara de protección facial.


Segundo informa a Concellería de Cultura de Fene, neste campamento a matriculación non se rexerá por orde de inscrición. Estableceranse criterios familiares e laborais para a adxudicación das prazas coma o número de fillos/as menores de 12 anos, número de fillos/as con discapacidade ou falta de dispoñibilidade dos proxenitores ou representantes legais dos menores para atender persoalmente aos seus/súas fillos/as durante o horario da actividade. No caso de empate, priorizarase a quen teña irmáns/ás matriculados/as na actividade e, en última instancia, de manterse o empate, resolverase por orde alfabética do primeiro apelido.


A matriculación en “Un verán diferente” só se poderá facer unha vez confirmada a praza -o 8 de xuño publicarase a lista de admitidos/as na páxina web municipal-. Nesta fase de matriculación, que se prolongará do 10 ao 17 de xuño, os pais/nais deberán achegar a documentación especificada nas bases do programa: ficha de datos, ficha médica, informe médico (de ser preciso), declaración de autorizacións, fotografía, xustificante de pagamento da cota, copia da tarxeta sanitaria e declaración responsable a respecto da Covid-19. Tamén neste caso, a achega de documentación realizarase preferentemente por vía telemática aínda que, excepcionalmente, permitirase a matriculación presencial (do 14 ao 17 de xuño) con cita previa.

O custe da actividade ascenderá a 34 € para o primeiro membro da unidade familiar e a 18 € a partir do segundo membro da unidade familiar. Ademais, en situación de escasa capacidade económica, “as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade nos termos sinalados no artigo 4) da Ordenanza fiscal núm. 2”.


Por último, a Concellería de Cultura lembra que haberá unha reunión previa cos pais/nais/titores dos participantes en cada quincena e coa empresa organizadora da actividade. As reunións terán lugar na no Salón de Plenos da Casa do Concello o luns 28 de xuño ás 19:00 e 20:15 h para os/as participantes na primeira quincena e o mércores 29 de xuño ás 19:00 e 20:15 h para os/as participantes na segunda quincena.


Para máis información sobre o programa cómpre chamar ao Departamento de Cultura e Deportes (tfno. 981 340 366) ou enviar un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal. Tamén se poden consultar as bases completas do programa na web municipal http://www.fene.gal ou solicitar os folletos que estarán a disposición da veciñanza a partir do 28 de maio na portería da Casa do Concello, Piscina Municipal de Centieiras, Casa da Cultura e pavillón A Xunqueira de San Valentín.

Descargas