Reserva de prazas para as escolas deportivas de piscina e pavillón da Xunqueira
31-05-2021
Abre o prazo para o alumnado matriculado no mes de maio e que non teña cotas pendentes de pagamento
Imaxe de arquivo
A partir deste martes, 1 de xuño, o alumnado matriculado no mes de maio de 2021 (que non teña cotas pendentes de pagamento) poderá solicitar cita previa para a reserva de prazas para o vindeiro curso nas escolas deportivas municipais de piscina e pavillón da Xunqueira. Para solicitar cita previa cómpre chamar por teléfono (981 492 804 / 607 626 812 / 981 340 936) de luns a venres, de 9.00 a 14.00 ou de 16.00 a 21.00 horas. A reserva de prazas (sempre baixo o sistema de cita previa) realizarase do 7 de xuño ao 6 de xullo, presentando o carné de usuario/a e, para quen desexe domiciliar o pagamento trimestral, achegando un recibo do banco co IBAN e os 20 díxitos da conta.
Segundo a normativa xeral publicada pola Concellería de Deportes, só se poderá facer reserva de praza na mesma escola, grupo e horario no que se estivo matriculado no presente curso, agás aquelas persoas que por idade ou por nivel cambien de grupo; neste caso terá que escoller novo horario. Ademais, unha mesma persoa poderá facer a reserva de tódolos integrantes da súa unidade familiar (sempre que sexan alumnado de escolas deportivas durante o mes de maio) e de dúas persoas alleas á mesma (sempre e cando estas dúas persoas non vaian domiciliar o pagamento, xa que para domiciliar é preciso que asine o
titular da conta).
En relación co pagamento das cotas, os/as usuarios/as poderán optar pola “renovación mensual”. Neste caso haberá que pagar a cota correspondente ao mes de outubro do 13 ao 26 de setembro (retirando o recibo no pavillón da Xunqueira nas mencionadas datas). Pola contra, no caso de optar pola “domiciliación bancaria”, o pagamento será trimestral e, neste caso, haberá que cubrir a orde de pagamento -o que implicará a matriculación na actividade para o curso 2021-2022-. No caso de tramitar a baixa terán que facelo antes do comezo do curso, o 1 de outubro.
Finalizado o prazo de reserva de prazas, o vindeiro 6 de xullo, as prazas que non se renoven quedarán libres para cambios solicitados no período de inscrición (no mes de setembro) por persoas usuarias ou para novas matriculacións
Máis información, no Departamento de Deportes do Concello de Fene. Tfno. 981 492 804 / 607 626 812 / 981 340 936.