O mural do 8 de Marzo aparece estragado con varias pintadas antifeministas e contra os obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU
02-06-2021
Noutro punto de San Valentín tamén quedou unha mensaxe dirixida á ministra Yolanda Díaz cualificándoa de "traidora á clase obreira"
Sorpresa, indignación e estupor son os tres sentimentos que mellor describen a sensación que tivo esta mañá a veciñanza de San Valentín ao ver as pintadas feitas a pasada madrugada sobre o mural do 8 de Marzo situado fronte ao Centro Municipal de Servizos Sociais e tamén no baixo dun bloque de edificios próximo. Unha sensación compartida polas traballadoras e pola responsable do departamento, Mari Carmen Rodríguez, quen, ao igual que o resto do barrio, asistiu ao "espectáculo covarde e vergoñento" representado en mensaxes que, na primeira localización, poñen en dúbida a reivindicación feminista e mailos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, ademais de atacar noutro punto do barrio a Yolanda Díaz -Ministra de Traballo e natural de San Valentín- cualificándoa de "traidora á clase obreira". O Goberno fenés condeou e denunciou o sucedido, considerando ademais que o contido das pintadas "vai máis aló dun simple acto vandálico".
San Valentín amenceu hoxe con tres grafitos repartidos polo mural que se fixo recentemente con motivo do Día Internacional da Muller e un cuarto, de grandes dimensións, estampado no baixo dun bloque de vivendas próximo. As mensaxes terxiversan e danlle a volta aos lemas da loita feminista, explica Mari Carmen Rodríguez, e tamén criminalizan os ODS da Axenda 2030 e poñen en dúbida o compromiso de Fene e do resto da sociedade coa Igualdade de Xénero. Ademais, engade a concelleira, tamén apareceu noutra parte unha pintada atacando directamente á actual Ministra de Traballo sinalándoa como traidora á clase obreira, algo que, sen entrar en valoracións políticas, é moi triste ver no barrio onde naceu, xa sen contar o desperfecto en si e o que custará borralo.
A concelleira sinala, porén, que este tipo de atentados contra bens públicos con mensaxes que exceden o límite lexítimo a protestar, non van conseguir que renunciemos ao camiño iniciado e imparable a prol dos dereitos da muller e da loita feminista. Fene e San Valentín están comprometidos con estes valores e ningunha pintada nos vai apartar deses obxectivos prioritarios.
O Goberno local xa lle trasladou o ocorrido á Policía Municipal e á Garda Civil para que se esclareza a autoría duns feitos que se produciron nalgún momento durante esta madrugada. Quen fose actuou durante esta noite e esperamos que algún veciño ou veciña da zona vise algo que poida dar algunha pista comenta Martínez. Isto vai máis aló dun simple acto vandálico polas connotacións que teñen as mensaxes. É un espectáculo vergoñento e dunha grande covardía remarca a concelleira mentres anuncia que o mural do 8 de Marzo -feito de forma colaborativa por varias artistas fenesas e da comarca- volverase pintar.