A Banda do Verán leva o seu espectáculo de danza, música e clown á Casa da Cultura de Fene

A Banda do Verán leva o seu espectáculo de danza, música e clown á Casa da Cultura de Fene

Danzamos no verán!!! é o espectáculo que o vindeiro xoves, 24 de xuño, presentará “A banda do verán” en Fene. A actividade, dirixida a público de educación infantil e primaria, comezará ás 12.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada de balde e aforo limitado, segundo a normativa COVID19. Para asistir a esta función, cómpre facer reserva de praza na Biblioteca Municipal, do 17 ao 23 de xuño, presencialmente ou no teléfono 981 342 302.


En “Danzamos no verán!!!” mestúranse a música e a danza con elementos teatrais ou de clown. Trátase dun espectáculo participativo cheo de música, de historias, de danza e coreografías que mergullan aos rapaces e rapazas nunha divertida festa e nun soño de verán…. O show está creado a partir do libro disco “Estamos no verán” da Editorial Galaxia (nomeado como mellor álbum en lingua Galega nos “VI Premios de la Música Independiente”). Estilos como o funk, o rock, o pop, o reggae ou a bossa nova atópanse neste espectáculo recomendado para os nenos e nenas de educación infantil e primaria.


A Banda do Verán está formada por músicos profesionais de contrastada solvencia que á súa vez exercen a docencia e que salientan pola súa experiencia laboral e didáctica na música e no teatro infantil. Desde o ano 2007 levan os seus espectáculo por toda Galicia e Portugal.