Espectáculo de clown e malabares, este venres en San Valentín con Moc Moc Saltimbanqui
21-06-2021
“Apuntando ao corazón” é o título do espectáculo que o clown Moc Moc Saltimbanqui presentará este venres, 25 de xuño, ás 21.00 horas na Praza do CPS de San Valentín (entre os bloques 11 e 12). A función vai dirixida a todos os públicos, con entrada libre, de balde e aforo limitado, segundo a normativa COVID. Mazas, pelotas, lume, un paraugas, equilibrio e enerxía delirante “son as claves deste show que xa deu a volta ao mundo”.
Saltimbanqui é un neno con corpo de adulto que detén a súa marcha con tal de divertir a públicos de todas as idades. A súa gran destreza e espontaneidade combínanse co clown e os malabares nun espectáculo no que a improvisación e o humor son as chaves coas que nos abre a porta.
Por mor da actuación de Moc Moc Saltimbanqui en San Valentín, o Concello de Fene emitiu un Bando no que se informa á veciñanza de que, por motivos de seguridade, “non poderán entrar nin saír os vehículos dos garaxes da praza o venres 25 de xuño, desde as 18.00 ata as 22.30 horas”. Ademais, non se poderá ver a actuación desde os portais nin dende os arredores dos mesmos. A entrada ao recinto pechado comezará ás 20.30 horas e rematará 5 minutos antes da actuación. O acceso será libre e sen reserva (por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible).
Aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, engade documento, recolleranse á entrada os datos das persoas asistentes para o acceso ao recinto e, unha vez sentados, non poderán levantarse ata o remate da actuación.
Organiza: Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.