Xullo, Mes de Patria no Concello de Fene

Xullo, Mes de Patria no Concello de Fene

Ukestra do Medio

Cun concerto a cargo de Ukestra do Medio comeza este venres o ciclo “Xullo, mes da patria” que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura de Fene até finais do mes de xullo. O ciclo inclúe as catro actuacións de narración oral e música de “Humor Peregrino”, actividade incluída no proxecto Viñetas do Camiño que o Concello de Fene está a desenvolver dentro do programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Tamén se anuncian concertos de Sito Sedes coa Garufa Blue Devils (21 de xullo), de Sés (22 de xullo) e Amadeus, a propósito do seu 30º aniversario (24 de xullo). E, para completar o programa, o 20 de xullo Fene acollerá o acto de entrega dos Premios Rosalía de Castro de Lingua, da Deputación da Coruña, que nesta edición recaeron -na categoría de “Persoas”- na figura do debuxante fenés Xaquín Marín. E o 23 será a inauguración da exposición de Viñetas do Camiño, na que se poderá ver unha escolma dos debuxos realizados polos artistas convidados á Andaina debuxada do pasado mes de xuño.


A continuación detállanse todas as actividades previstas no ciclo “Xullo, mes da Patria”:

• Venres 2 de xullo. UKESTRA DO MEDIO (Ciclo Humor Peregrino - Viñetas no Camiño). 21.00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura. Organiza Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
• Venres 9 de xullo. PAULA CARBALLEIRA, con Historias de arrepío (Ciclo Humor Peregrino - Viñetas no Camiño). 21.00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura. Organiza Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
• Venres 16 de xullo. GALA MARTÍNEZ, con Son un monstro (Ciclo Humor Peregrino - Viñetas no Camiño). 21.00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura. Organiza Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
• Martes 20 de xullo. ENTREGA DOS PREMIOS "ROSALÍA DE CASTRO" DA LINGUA,
convocados pola Deputación da Coruña. 20.30 horas na pista polideportiva de Fonte do Campo. Organiza a Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Fene.

◦ PREMIADOS: 2021
• Categoría A: Xaquín Marín
• Categoría B: Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO
• Categoría C: Twitter en galego

• Mércores 21 de xullo. SITO SEDES COA GARUFA BLUE DEVILS. 21.00 horas na pista polideportiva de Fonte do Campo. Organiza Concellería de Cultura coa colaboración da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia.
• Xoves 22 de xullo. SES, con Liberar as arterias (Ciclo Día da Patria). 21.00 horas na Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Organiza Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
• Venres 23 de xullo. INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN FÍSICA DE "VIÑETAS NO CAMIÑO" + CONCERTO DE THE TETA´S VAN (Ciclo Humor Peregrino - Viñetas no Camiño). 21.00 horas na Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Organiza Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
• Sábado 24 de xullo. AMADEUS en concerto. 25º ANIVERSARIO. 21.00 horas na Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Organiza Concellería de Cultura.

Todas as actuacións do ciclo “Xullo, mes da Patria”, desenvolveranse atendendo aos protocolos de seguridade e hixiene actualmente en vigor. Así, o uso da máscara será obrigatorio en todos momento namentres duren as actividades ou concertos programados. Ademais, o aforo estará limitado, tanto nas actuacións da Casa da Cultura como nas da Praza do Concello ou Fonte do Campo.

No que respecta ás entradas, todas as actividades de “Humor Peregrino” -actuacións de Ukestra do Medio, Paula Carballeira, Gala Martínez e The Teta´s Van- serán con entrada libre até completar o aforo previsto (50 persoas). Para os concertos de Sito Sedes, Sés e Amadeus, a distribución de entradas farase a través do portal web de Ataquilla, até completar o aforo que será de 150 persoas no caso do concerto de Sito Sedes, e de 200 persoas para Sés e Amadeus. E xa, por último, para a entrega dos Premios Rosalía de Castro, tanto a Deputación da Coruña coma o Concello de Fene serán os encargados de distribuir as invitacións para asistir ao acto.


Máis información, na web do Concello de Fene www.fene.gal ou no Departamento de Cultura do Concello de Fene, tfno. 981 340 366.