O grupo de rock fenés actuará o sábado 24 de xullo na Praza do alcalde Ramón José Souto González
Este martes abre o prazo de reserva de entradas para o concerto do 30º aniversario de Amadeus
19-07-2021
Mañá martes, 20 de xullo, ás 9.00 horas habilitarase en Ataquilla a reserva de entradas para o concerto que ofrecerá o grupo fenés Amadeus, con motivo do seu 30º Aniversario. A cita será o sábado 24 de xullo, ás 21.00 horas, na Praza do alcalde Ramón José Souto González. As entradas serán de balde ate completar aforo (200 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.
Amadeus é un grupo de rock que se formou no ano 1990. Dende aquela, a banda pasou por distintas etapas e foi mudando a súa composición, estando na actualidade formada por: José Maroño (bateria), Xandre Galdo (guitarra), Antonio Pena (baixo e voz) e Santi Souto (voz e guitarra). Logo dun período “no que non tivemos demasiada actividade, e tralo parón que supuxo a aparición da Covid19”, Amadeus volve aos escenario para ofrecer a o público “un espectáculo profesional, con grande calidade musical, no que quede reflexada a traxectoria do grupo durante todos estes anos, o cambio de integrantes e o cambio xeracional”. No concerto do vindeiro sábado en Fene o grupo fará un repaso musical dende as súas orixes até a actualidade, “lembrando a importante canteira de musicos que sairon deste concello por aquela epoca, e animando á xente nova a que se xunte para levar adiante propostas musicais e culturais”.
PROTOCOLOS COVID
Dende Concellería de Cultura de Fene infórmase de que o día do concerto os/as espectadores poderán acceder ao recinto a partir das oito do serán. Recoméndase así mesmo presentarse no punto de control de acceso con tempo suficiente de antelación xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo do espectáculo. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible.
Por outro lado, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso aos recintos.
En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans no acceso ao recinto. Ademais, o uso da máscara será obrigatorio durante todo o espectáculo e non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.
Organiza: Concellería de Cultura de Fene