As citas para apuntarse nas escolas deportivas municipais empezarán a darse o 1º de setembro
11-08-2021
Nos últimos días foron moitas as veciñas e veciños que contactaron co departamento de Cultura e Deportes para interesarse polas inscricións nas escolas deportivas municipais de Fene, nalgúns casos coa intención de formalizar xa a matrícula. Porén, desde a Concellaría infórmase -e insístese- en que o prazo de matrícula presencial estará aberto do 9 ao 24 de setembro e será obrigatorio pedir cita previa para facer o trámite, que se centralizará no pavillón da Xunqueira. As veces poderán solicitarse a partir do 1 de setembro chamando ao 981 492 804 ou ao 607 626 812. As actividades comezarán ao longo da primeira semana de outubro.
O calendario de inscricións nas distintas disciplinas está organizado en dúas quendas, unha do 9 ao 20 de setembro para persoas empadroadas ou escolarizadas en Fene e outra do 21 ao 24 de setembro para o resto de usuarias.
En calquera caso, antes de acudir ao pavillón da Xunqueira para facer a solicitude haberá que concertar cita dentro dos horarios de atención das instalacións durante a semana. Desde o xoves 9 até o venres 24 a oficina atenderá polas mañás -insistimos, só con cita previa- entre as 8.30 e as 14.00h. Ademais tamén atenderá polas tardes, de 16.30 a 19.00h, o propio día 9 e o 14, 15, 16, 21, 22 e 23 de setembro.
Cada persoa que acuda facer o trámite -outra vez, con cita previa- poderá anotar aos membros da súa unidade familiar e a outra persoa máis. Desde o departamento de Cultura e Deportes recordan que, unha vez comece o curso, só se admitirán novas matrículas se hai prazas libres en cada disciplina ou se se producisen baixas.
Á hora de solicitar a matrícula nas escolas e obradoiros municipais haberá que presentar o carné do ano anterior e asinar, de ser o caso, a orde de domiciliación bancaria para o pagamento das actividades, a opción máis cómoda. Se se trata de novas inscricións tamén haberá que achegar a fotocopia do caderno da Seguridade Social ou da tarxeta sanitaria, fotocopia do DNI ou Libro de Familia, unha foto tamaño carné e, quen domicilie, tamén a orde de autorización dos cargos -a folla facilítana na oficina- e a copia dun recibo onde consten os datos bancarios con todos os díxitos da conta.
Para a matriculación en cursiños haberá que cubrir a ficha correspondente e, unha vez confirmada a praza, efectuar o pagamento do recibo.
A Concellaría de Cultura editou unha folla con toda a información sobre as escolas e obradoiros deportivos que se desenvolverán desde o 1 de outubro até o 30 de xuño repartidos polos pavillóns, a piscina e outras instalacións municipais. Hai preto dunha vintena de propostas -baloncesto, atletismo, pilates, zumba, natación, patinaxe, karate, judo, ximnasia rítmica, acondicionamento físico, pequedeporte, educación física contra a fatiga oncolóxica, etc.- subdivididas á súa vez en grupos dependendo das idades ou da práctica que xa se teña en cada disciplina.
No documento tamén se describen os prezos de cada actividade e os descontos dos que poden beneficiarse as persoas participantes, xa sexa botando man dos bonos familiares para as escolas ou solicitando o Bono Deporte para a práctica deportiva libre e o uso completo das instalacións do polideportivo da Xunqueira e da piscina de Centieiras, que nestes momentos só teñen restrinxido o acceso á sauna por razóns preventivas da COVID-19.