Este xoves abre o prazo de reserva de entradas para os concertos que ofrecerán Setestrelo e Miguel Lamas
25-08-2021
O xoves 26 de agosto poderán reservarse en Ataquilla as entradas para os concertos
O Paseo Marítimo de San Valentín acollerá o día 2 de setembro, ás 21.00 h, o concerto de Setestrelo-O Camiño. Ao día seguinte, 3 de setembro ás 22.00 h, o protagonista será Miguel Lamas, quen presentará o proxecto Miguel Lamas & Ardora.
Námbolos dous casos, as entradas para asistir aos concertos poranse a disposición do público este xoves 26 de agosto, ás 10.00 horas, na páxina de Ataquilla.com. Serán de balde ate completar aforo (200 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de 4 entradas por operación.
Dende Concellería de Cultura de Fene infórmase de que os días dos concertos os/as espectadores poderán acceder ao recinto 30 minutos antes do comezo. Recoméndase así mesmo presentarse no punto de control de acceso con tempo suficiente de antelación xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo do espectáculo. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Por outro lado, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso aos recintos.
En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans no acceso ao recinto. Ademais, o uso da máscara será obrigatorio durante todo o espectáculo e non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.
2 de setembro de 2021 / 21:00h / Paseo Marítimo de San Valentín - Fene / Concerto de SETESTRELO - O Camiño
Setestrelo
Setestrelo e un grupo musical e vocal con instrumentos melódicos tradicionais, voces e instrumentos de percusión populares de Galicia. É a sección responsable de planificar, producir e representar os distintos espectáculos de Airiños de Fene.
“O Camiño” é, tal como o seu nome indica, unha viaxe polo Camiño de Santiago; mellor dito, é unha viaxe polos distintos camiños que entran en Galicia e compoñen o Camiño de Santiago, posto en escena mediante a mestura de fotografía, vídeo, canto, música e presentacións teatralizadas. Estas presentacións son feitas por un/ha peregrino/a que viaxa con nos. Acompañaranos todo o espectáculo contando lendas e historias de cada un dos camiños polos que imos cara a Compostela
3 de setembro de 2021 / 22:00h / Paseo Marítimo de San Valentín - Fene / Concerto de MIGUEL LAMAS & Ardora
Miguel Lamas presenta neste atípico 2021 o proxecto chamado Miguel Lamas & Ardora adicado e con moito peso da súa terra, Galicia.
Todos os temas están compostos e arranxados a partir de recollidas de campo propias feitas ao longo de varios anos percorrendo a xeografía galega.
Pasando por lugares como Limiñoa, Pontragha, Toutón, Zas, Vilariño de Conxo... Miguel reivindica os ritmos e melodías máis populares fusionados co seu estilo propio mais cercano ao funk, jazz.
Neste single contamos ca colaboración na voz do gran Xabier Díaz, do que é protagonista tamén do videoclip que acompaña na presentación do tema gravado e producido por MM, Marcos Martínez e María Guiterrez.
O tema foi gravado nos estudios PKO de Madrid por Miguel Lamas na batería, Alex Fente no acordeón, Danny Noel no baixo, Jurandir Santana nas guitarras, Jorge Vera nos teclados, Miguel Vázquez na percusión e Xabier Díaz na voz e percusións.
Concerto enmarcado no Programa Cultura no Camiño.