O 1 de setembro as instalacións da piscina municipal de Centieiras abren as súas portas
26-08-2021
O horario de apertura das instalacións será de luns a sábado de 17.00 a 22.00h cun aforo do 50%
O Concello de Fene abre as instalacións da piscina municipal de Centieiras con aforo limitado e continuando coas medidas preventivas pola COVID a partir do vindeiro mércores 1 de setembro
Como medidas complementarias, o protocolo indica que á entrada se rexistrarán os datos e se lle tomará a temperatura a todas as persoas usuarias. Unha vez dentro terán que gardar sempre 1,5 metros de separación nos movementos que fagan polo recinto e tamén durante a práctica deportiva.
O uso da máscara non será obrigatorio no vaso no momento de nadar pero si no ximnasio a hora de facer o exercicio tendo que manter a distancia interpersoal-, e haberá que poñela si ou si para ir e vir dos vestiarios, aínda que se poida gardar a separación.
Os adestramentos na piscina e no ximnasio faranse en quendas asignadas de 45 minutos de duración e, ademais, será necesario entrar en Centieiras como mínimo un cuarto de hora antes do inicio da actividade e marchar, como moi tarde, quince minutos despois de rematar.
Desta maneira o Concello busca ter sempre controlado o aforo e garantir que a planificación horaria se cumpra sen retrasos, pero tamén reservar tempo suficiente para que o persoal de limpeza desinfecte os vestiarios entre faixas horarias.
Para acceder poderase mercar a entrada na instalación ou ben empregar o Bono deporte do Concello de Fene, con dereito a utilizar o ximnasio e mailo vaso indistintamente ou ben combinar ambas opcións, sempre que sexa en franxas horarias consecutivas. Na piscina non poderá haber máis de 3 persoas por rúa ao mesmo tempo e no ximnasio o límite está fixado en 6 usuarias.
Para consultar a dispoñibilidade de espazos no día e franxa horaria na que desexe asistir -e tamén para facer a reserva- pode chamarse aos teléfonos da instalación -981 344 341 e 607 627 103- durante o horario de apertura. Tamén hai a posibilidade de reservar a través da plataforma de deportes deporte.fene.es, para o que será necesario contar con usuario e contrasinal ou darse de alta no mesmo momento de facer a consulta.
Desde o departamento municipal de Deportes insístese en que cada persoa só poderá reservar un máximo de dúas franxas horarias por día e deberán ser consecutivas, para dar opción a que se poida usar ximnasio e vaso na mesma xornada e, ao mesmo tempo, garantir que as instalacións poidan ser utilizadas polo maior número de persoas posible malia a redución do aforo.