Baobab Teatro trae a Fene este domingo os seus Contos para un caldiño
07-09-2021
O local social da SCRD Agarimo de Sillobre acolle este domingo, ás 13.00 horas, o espectáculo familiar “Contos para un caldiño”, da compañía Baobab Teatro. Trátase dun espectáculo de contos moi divertido e participativo, recomendado para nenos/as a partir de 3 anos e familia. A entrada será de balde até completar o aforo.
En “Contos para un caldiño”, “Andrea é a encargada de facernos un caldo atípico, un caldo que precisa ingredientes moi especiais. O principal son as orellas que escoitan; pero outros ingredientes que darán sabor a este rico caldo son as historias: historias visuais, historias de libros e historias dramatizadas, aderezadas con fermosas cancións”.
“Contos para un caldiño” convida ao público a escoitar e deixarse levar polas historias e os obxectos visuais que se presentan; un sombreiro que non é un sombreiro, unha rata que se transforma nun momento... Xuntos construirán unha sopa máxica con poderes especiais para facelos máis altos, máis rápidos. e máis fortes, se así o queren...
Neste espectáculo cocíñanse contos e historias para que cheiren mellor, que entren polo nariz e se poidan degustar. O tema das historias é moi variado (historias tradicionais e de nova creación), pero todas elas son historias que transmiten valores positivos.
Espectáculo organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Fene coa colaboración de AGADIC – Xunta de Galicia (programa Cultura no Camiño 2021) e SCRD Agarimo de Sillobre
Máis información na web do Concello de Fene, www.fene.gal