Cándido Pazó trae a Fene o seu espectáculo "Como dicía o outro"
13-09-2021
Cándido Pazó visita Fene para presentarnos un espectáculo de narración oral con misturas de humor, emoción, imaxinación e memoria. Un monólogo cómico no que se enfían historias que se xestionan sobre a marcha, segundo o ambiente, o público, as circunstancias do día. En resumo, contos e lerias para tódolos públicos.
A actuación será no Local Social do ACRD O Pote de Maniños o venres, 17 de setembro de 2021 ás 21.00 horas
Un espectáculo dirixido a tódolos públicos con entrada de balde sen reserva até completar aforo.
Autor, director de escena, narrador oral e actor, Cándido Pazó comezou a súa actividade como actor en 1975, incorporándose ao movemento teatral de Vigo e do resto de Galicia, sendo un dos máis novos das xeracións xurdidas arredor dos primeiros encontros da histórica Mostra de Ribadavia.
Membro fundador da compañía viguesa A Farándula, traballou en todos os seus espectáculos ata a súa disolución en 1983.
Complementa a súa formación autodidacta co contacto parisino de Philippe Gaulier, que marca claramente a súa poética e o seu concepto de escenificación e dirección de actores.
Despois dun período de actuación en varias compañías privadas e no Centro Dramático Galego; en 1989 debutou como autor e director de escena coa súa propia compañía, Tranvía Teatro de Vigo, coa obra “El mirlo blanco”.
Dende entón escribe, dirixe ou realiza adaptacións para varias compañías galegas, centrándose de xeito especial na dirección escénica da maior parte dos espectáculos Ollomoltranvía, un grupo que naceu da fusión da súa compañía viguesa con Ollomol, da Coruña, en 1993.
Impartiu seminarios de ensino nas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.
No campo da narración oral, máis alá das súas constantes actuacións en lugares especializados, participou en numerosos festivais en España, Portugal e América Latina e imparte un seminario anual sobre "a oralidade no actor" na Escola Superior de Música e Artes de Porto.
Organiza: Departamento de Cultura – Concello de Fene
Colaboran: AGADIC – Xunta de Galicia (programa Cultura no Camiño 2021) e ACDD O Pote de Maniños