Contos para bebés con Rilo e Penadique na Biblioteca Municipal de Fene
01-10-2021
O dúo formado pola mugardesa Vero Rilo e Sonsoles Penadique volve a Fene este sábado para participar no ciclo de actividades de outono que se está a desenvolver na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé. A cita, prevista en dúas funcións -a primeira de 11.30 a 12.00 e a segunda de 12.30 a 13.00 horas- encádrase no programa FalaRedes 2021, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O espectáculo, titulado “Derriba da lúa”, vai dirixido a nenos/as de 0 a 4 anos. Para asistir, cómpre reservar praza no teléfono 981 34 23 02. Aforo limitado a 10 nenos/as máis un/ha acompañante, en cada quenda.
“Derriba da lúa” é un espectáculo-obradoiro de narración oral e música, de recente creación, para familias con nenos de 0 a 4 anos. En “Derriba da lúa”, as protagonistas convidarán aos asistentes a arrolar, contar, cantar e xogar xuntos para soñar e medrar libres coma paxaros, de candeloria a candeloria.
Trala actuación deste sábado, o vindeiro xoves 7 de outubro, ás 18.00 horas, Polo Correo do Vento levará ao salón de actos da Casa da Cultura de Fene o espectáculo “Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua”, actividade baseada nunha publicación homónima na que o colectivo pontevedrés pon música, narra e ofrece ilustracións realizadas por Tania Solla, sobre a biografía da escritora nada en Sarria, adaptada ao público escolar. Función dirixida a nenos/as a partir dos 5 anos. Aforo limitado a 35 participantes.
Para poder asistir será preciso inscribirse previamente ou de xeito presencial na propia biblioteca ou no teléfono 981 34 23 02.