O Memorial Adolfo Ros Volta á Ría celebrarase o 12 de decembro
04-10-2021
Os concellos de Fene, Ferrol, Narón e Neda, que xa traballan na súa organización, confirman o regreso da media maratón trala suspensión en 2020
O Memorial Adolfo Ros Volta á Ría celebrarase o vindeiro 12 de decembro. Así o confirmaban o pasado venres os concellos organizadores, Fene, Ferrol, Narón e Neda, que xa traballan na que será a XXXV edición da media maratón. Unha cita deportiva na que se lembra a memoria de Adolfo Ros, falecido o 18 de agosto de 1985 cando, nun acto de auténtico heroicismo, tentaba rescatar a varios bañistas en perigo na praia de Doniños
A semana pasada a casa consistorial de Neda, municipio no que recae este ano a dirección da organización, acollía unha primeira reunión entre os concelleiros de Deportes para marcar as liñas de traballo, que continuarán agora de forma periódica. Despéxanse así as dúbidas sobre a súa celebración, suspendida en 2020 pola situación sanitaria derivada da covid-19.
Tras analizar a evolución da situación, os catro concellos acordaban retomar o memorial, concentrando todos os esforzos organizativos no capítulo de seguridade e prevención, e comezando o traballo pola elaboración dos protocolos que rexirán o seu desenvolvemento.