O concello acolle unha feira de produtos de comercio xusto o domingo 24 de outubro e unha obra de teatro no vindeiro mes de novembro para reflexionar sobre a orixe do que consumimos
Fene súmase ao movemento do comercio xusto
As actividades enmárcanse na campaña Aquí e Acolá O Xusto da ONG Solidariedade Internacional de Galicia
19-10-2021
O comercio xusto chega a Fene da man de Solidariedade Internacional de Galicia coa fin de seguir espallando a súa mensaxe: promover unhas relacións comerciais máis xustas entre países, respectando os dereitos humanos. No marco da campaña "Aquí e Acolá O Xusto", nesta fin de semana realizarase en Fene a feira "Comercio Con Sentido", de produtos de comercio xusto. A cita terá lugar na Praza Verde (avd. Marqués de Figueroa, Perlío, Fene) o domingo 24 de outubro, entre as 11h e as 14h. Ademais, no mes de novembro, os veciños e veciñas de Fene poderán gozar e aprender coa obra de teatro “Vaia Tea!” que se realizará na Casa da Cultura en data por determinar e que se anunciará proximamente. A entrada ao espectáculo, recomendado para un público a partir de 12 anos, será de balde ata completar aforo.
Os e as asistentes á feira Comercio Con Sentido poderán achegarse á realidade que existe detrás dalgúns dos alimentos que consumimos no noso día a día como o azucre, o cacao ou o café. A través desta actividade, Solidariedade Internacional de Galicia proporciona información a cerca da súa orixes, produción, comercialización, características e variedades, así como dos problemas aos que os produtores e produtoras se enfrontan ata que esta mercancía chega as nosas mans. Ademais os/as asistentes tamén poderán degustar variedades de café, cacao e azucre. Por outra banda, a representación teatral “Vaia Tea!” da compañía Xucrut Teatre pretende achegar aos/as espectadoras a realidade que existe detrás do consumo de roupa a través do humor e a invitación á reflexión.
A campaña Aquí e Acolá O Xusto, financiada pola Xunta de Galicia e Cooperación Galega, coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación, nace para sensibilizar á poboación sobre as desigualdades sociais que provoca o comercio internacional e achegar alternativas de consumo máis sostibles que respecten os dereitos humanos de todas.
Solidariedade Internacional de Galicia
Solidariedade Internacional de Galicia é unha organización formada por persoas que levan máis de dúas décadas traballando na comunidade e que entenden a solidariedade como unha forma de estar no mundo. A través das súas iniciativas, actúan promovendo a solidariedade da sociedade galega para un desenvolvemento compartido cos países do Sur.