O vindeiro luns abre o prazo de solicitude de axudas a entidades sen fins de lucro do Concello de Fene
22-10-2021
Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia do extracto das bases reguladoras da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen fins de lucro para o ano 2021, do luns 25 de novembro ao luns 8 de novembro ás 14.00 horas permanecerá aberto o prazo de solicitude destas axudas que teñen como finalidade: contribuír ao normal funcionamento do tecido asociativo (gasto corrente); mantemento de instalacións, así como a realización de actividades de carácter cultural, deportivo, educativo, de defensa dos dereitos da veciñanza e gastos de funcionamento. A contía que destina o Concello de Fene a esta convocatoria é de 105.800 €, incrementándose o importe máximo de subvención por entidade no caso das deportivas e culturais.
Tanto as solicitudes de subvencións como a xustificación presentaranse por sede electrónica (https://sede.fene.gal/opencms/gl/ ou https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do) ou por calquera outro dos medios contemplados no artigo 16 da Lei 39/2015. Non se admite a presentación en papel no Rexistro Xeral.
Poderán optar a estas subvencións as entidades que, no momento de presentar a solicitude de subvención, sexan sen ánimo de lucro; teñan sede e desenvolvan as súas actividades no Concello de Fene; estean legalmente constituídas e estean inscritas no rexistro correspondente cos datos actualizados; non estean incursas nas causas de incompatibilidade ou incapacidade para ser beneficiarias ou percibir subvencións da Administración pública dispostas no artigo 13 da Lei 38/2003 xeral de subvencións; e que as actividades para as que se solicita subvención sexan de interese para o Concello.
Serán subvencionables as actividades que se desenvolvan ao longo do exercicio de 2021 ou, no caso das que duren un curso académico ou tempada deportiva, as realizadas no curso/tempada 2020/2021. Este ano, con carácter excepcional e dada a suspensión de moitas competicións deportivas durante a tempada, serán subvencionables os gastos derivados da inscrición de equipos, fichas federativas, mutualidades e equipacións correspondentes aos primeiros meses da tempada 2021-2022, sempre que se realizaran e se aboaran con anterioridade ao prazo fixado para a xustificación do investimento da subvención. Por outro lado, e tamén con carácter excepcional, poderán presentar a efectos de baremación os equipos cos que saen na tempada 2021- 2022. Admitiranse como xustificantes de gasto os realizados e pagados nos primeiros meses da tempada 2021- 2022.
As axudas aboaranse nun único pagamento unha vez rematado o período de xustificación, sinalado para o 29 de novembro.