Servizos Sociais de Fene traballa na elaboración dun Plan Municipal para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
29-10-2021
O Concello de Fene vén de ser seleccionado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para desenvolver un proxecto integral a nivel municipal. Dende o mes de setembro o Concello está traballando na elaboración dun Plan Municipal para a implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). Esta iniciativa desenvólvese en tres concellos máis en toda Galicia ainda que, no ámbito provincial da Coruña, o Concello de Fene foi o seleccionado. Os outros tres concellos galegos son Barreiros, Trives e Tomiño.
O Plan Municipal para a implementación dos ODS ten como obxectivo coñecer a situación do Concello respecto á súa contribución cos ODS e coa Axenda 2030, así como tamén artellar unha folla de ruta para mellorar o seu aliñamento con esta planificación a nivel global.
A elaboración deste Plan consta de varias fases:
Neste último mes estívose traballando na elaboración dun informe diagnóstico, para coñecer en profundidade o traballo que xa está adiantado a este respecto a nivel municipal.
O 26 de outubro, parte da corporación municipal e do persoal técnico reuníronse para poñer en común as súas opinións e recoller todas as políticas e medidas municipais que encaixan cos ODS.
Entre o mes de novembro e decembro celebraranse máis encontros de traballo, un deles terá un carácter social e participado, onde participarán representantes do tecido social e veciñal. Estes espazos terán como finalidade recoller propostas e medidas que sumen ao Plan Municipal para a implementación dos ODS. O obxectivo último é construír este documento dende unha perspectiva aberta, transparente e que teña en conta todas as necesidades, propostas e ideas da veciñanza.