Anxo Mena obtén a XXXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
12-11-2021
Anxo Mena, nado en Carral en 1982 obtivo hoxe a XXXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene. O xurado escolleu o libro de Mena, titulado Alimentar canarios con ovos da casa de entre 57 obras presentadas a concurso este ano.
A entrega do premio terá lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene o próximo sábado 20 de novembro.
Trátase da XXXIV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído en Montevideo pola comunidade galega no exilio.
O autor galardoado é Doutor en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, especializado en Paleoceanografía e Sedimentoloxía, temas nos que segue a investigar. Actualmente reside en Cangas e traballa no Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), en Vigo.
Obtivo o Premio de Poesía Anduriña Voandeira (2011), o Premio de Poesía Díaz Jácome de Mondoñedo (2012) e o Premio de Poesía da Universidade de Vigo (2015).
O xurado deste ano estivo composto por:
Inma Otero Varela: crítica literaria e docente de Literatura Galega. Ten publicada obra ensaística (Criminal, Eu é. Dúas novelas de Xurxo Borrazás, O posmodernismo no sistema literario galego e A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura) e tradución (Emerxencia, de Maurizio Ferraris).
Ramiro Torres: É diplomado en Graduado social. Colabora no grupo surrealista galego Xalundes e en publicacións como Poseidónia ou Agália. En 2013 publicou o seu poemario Esplendor arcano.
Regina Touceda, gañadora do Premio Pérez Parallé en 2019 con deriva, é estudante de Filoloxía Galega na USC.