A compañía Berrobambán Teatro visita fene para FACER MEMORIA

A compañía Berrobambán Teatro visita fene para FACER MEMORIA

Este mércores, 17 de novembro, bota a andar no Concello de Fene o proxecto “Facer memoria”, impulsado por Berrobambán Teatro e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e as sociedades O Pote de Maniños, Agarimo de Sillobre e AVV San Xurxo de Magalofes. Facer Memoria é un espectáculo-encontro entre a narradora oral Paula Carballeira e a veciñanza destas tres parroquias de Fene “no que esvaemos os límites entre o palco e o patio de butacas, dándolle voz tamén ás lembranzas do público. E así, entre contos e conversas, intentaremos facer memoria. Dándolle a cada lembranza a importancia que merece.”. As citas serán con entrada libre o mércores 17, ás 19 horas, na ACRD O Pote de Maniños; e o xoves 18, ás 17 horas na SCRD Agarimo de Sillobre, e ás 19 horas na AVV San Xurxo de Magalofes.

“A oralidade, durante moito tempo, foi o mecanismo exclusivo de transmisión da nosa cultura, da memoria dos contos, das palabras, dos nosos medos e esperanzas. Se perdemos esa memoria, perdemos tamén as ferramentas que nos fan situar no mundo e comprender a sociedade que no rodea”. Por iso é tan importante recuperar as historias que nos devolven a identidade, salientan dende Berrobambán Teatro a respecto do proxecto “Facer memoria”.

“Galicia conta cunha tradición oral excepcionalmente viva. A través dela desenvólvense contos ou lances de vidas reais que ao contalos se volven ficción. Nesa tradición inmaterial, gardada na memoria das nosas persoas maiores, atopamos o que somos. Vai sendo hora de lembrarnos delas e deles, de corresponder ao legado que nos deixan”.