O CMI Unidade de Fene acolle este sábado a entrega do XXXIV Premio Pérez Parallé, certame organizado coa colaboración do Concello

O CMI Unidade de Fene acolle este sábado a entrega do XXXIV Premio Pérez Parallé, certame organizado coa colaboración do Concello

O gañador do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé 2021, Anxo Mena, recibirá  este sábado o premio polo seu libro Alimentar canarios con ovos da casa, obra seleccionada entre as 57 que se presentaron ao concurso este ano. A entrega terá lugar na sede do CMI Unidade de Fene a partir das 20 horas e contará coa actuación da Rondalla Estrelecer.

Nado en Carral en 1982, Anxo Mena é Doutor en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, especializado en Paleoceanografía e Sedimentoloxía, temas nos que segue a investigar. Actualmente reside en Cangas e traballa no Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), en Vigo. En 2012 obtivo o Premio de Poesía Anduriña Voandeira e, posteriormente, o Premio de Poesía Díaz Jácome de Mondoñedo (2012) e o Premio de Poesía da Universidade de Vigo (2015).
 
O certame nacional de poesía Xosemaría Pérez Parallé foi creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído en Montevideo pola comunidade galega no exilio.