A psicóloga Ana María Caaveiro impartirá en Fene unha conferencia sobre o suicidio
23-11-2021
A Concellería de Benestar Social e Igualdade organiza para o xoves 9 de decembro, ás 18 horas, a conferencia Falemos do suicidio, no marco do "Programa de Prevención do suicidio na poboación en xeral, trastorno mental e adictivo". A charla terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e será impartida pola psicóloga da asociación Ex Alcohólicos de Ferrolterra, Ana María Caaveiro García. O obxecto desta iniciativa é concienciar á veciñanza a respecto do grave problema que supón o suicidio e os posibles mecanismos de prevención.
Segundo a definición da OMS, o suicidio estase a considerar nos derradeiros anos, un problema grave de saúde pública. Como sinalan diversos estudos, as campañas de concienciación sobre o suicidio son efectivas, e como indica a OMS, os suicidios poden previrse.
Segundo avanzan dende os Servizos Sociais Municipais, entre os obxectivos que se pretenden acadar coa conferencia "Falemos do suicidio", salientan os seguintes:
• Aumentar a información sobre o suicidio entre a poboación en xeral (de 0 a 95 anos)
• Rachar coas falsas crenzas e mitos vencellados ao suicidio
A actividade é gratuíta e terá lugar o xoves 9 de decembro entre as 18:00 e 19:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene.
Dadas as limitacións de aforo, a selección das persoas que asistan será por orde de inscrición. O período de inscrición estará aberto ata o 7 de decembro e pode facerse por teléfono (607627781) ou tamén directamente no Centro de Servizos Sociais.