Manifesto Institucional 25 Novembro 2021, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Manifesto Institucional 25 Novembro 2021, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Moción conxunta 25 novembro, Día Internacional Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

A violencia contra as mulleres supón a manifestación máis extrema da desigualdade que existe entre homes e mulleres, como o maior obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria. A violencia contra as mulleres e nenas, arraigada nunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes, persiste como unha situación estrutural relacionada co patriarcado.

No último ano e medio, ademais, a pandemia provocada pola COVID19 afectou a millóns de persoas no mundo, deixando moitos efectos negativos nas mulleres. As restricións para combater esta crise sanitaria foron, para moitas vítimas das violencias, peores que o propio coronavirus, xa que ditas medidas obrigaron a reducir ao máximo as relacións sociais e a permanecer no círculo familiar máis estreito, é dicir, a ficar máis illadas co seu maltratador.

No que vai de ano, de acordo coas cifras oficiais, foron asasinadas 36 mulleres no Estado español, (datos actualizados no Ministerio de Igualdade a 12 de outubro de 2021). A estas cifras cómpre engadir as/os 21 menores de idade quedaron orfas/os, e que suben a 325 desde o ano 2013, data na que se lles inclúe como vítimas da violencia de xénero.

No noso país hai 36.200 mulleres que viven con protección policial de risco por violencia de xénero.

Os casos activos por violencia de xénero en Viogen-sistema de protección das vítimas de violencia machista son 67.133.

O número de usuarias activas no servizo telefónico de atención e protección para vítimas de ATEMPRO é de 16.383.

O número de pulseiras telemáticas instaladas para vixiar o afastamento do agresor no ámbito da violencia de xénero, a data 31 de agosto, é de 10.136.

Segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) en España hai 190 mulleres menores de 21 anos que levan unha pulseira telemática e están vixiadas as 24 horas polo alto risco que corren as súas vidas.

E preocupante un estudo recente, elaborado polo Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Mocidade de FAD, no que se recolle que a porcentaxe de mozos novos (15 a 29 anos) que nega a violencia de xénero ou lle resta importancia segue medrando, e que un de cada cinco nega que exista. A maiores, normalizan mirarlle o móbil á parella, consideran que os celos son unha boa proba de amor, así como o control da vestimenta, horarios, amizades, e un longo etc.

A violencia de xénero é a maior lacra das sociedades democráticas. As múltiples formas de violencia que se exercen contra as mulleres son visibles, pero a tolerancia social impide poñerlles freo.

Pero a violencia mais cruel e despiadada, a que causa un daño irreparable e destrúe á muller, é a violencia vicaria. A finalidade desta violencia é a de causar o máximo daño posible á muller, provocando a súa morte en vida, xa que neste caso as vítimas son os fillos ou fillas.

Mais de 40 nenos e nenas foron asesinados a mans de seus pais biolóxicos, ou polas parellas ou exparellas da súa nai, dende o ano 2013.

O termino “violencia vicaria” foi incluído no Pacto de Estado contra la Violencia de Género.

É imprescindible que a sociedade tome conciencia da realidade que supón a violencia de xénero e, por extensión, a violencia vicaria como unha das mais terribles contra a muller.

Necesítase a implicación responsable de todos os poderes públicos, que non deben admitir a negación da violencia contra as mulleres, unha violencia que cuestiona os valores democráticos e ten efectos devastadores sobre a convivencia social. A negación da violencia contra as mulleres debe considerarse apoloxía da violencia.

Cómpre que desde as administracións públicas e, en particular, da administración local máis próxima á cidadanía, se acheguen todos os medios para combater e erradicar as violencias machistas, que van dende cousas como o mal chamado “piropo” nas rúas (ou agora a través das redes sociais), os comentarios ou chistes sobre a muller, en térmos pexorativos, ata a violencia vicaria, pasando polo acoso sexual no traballo, a prostitución, a brecha salarial, e un longuísimo etc.

Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer e identificar as graves fendas de xénero existentes no ámbito familiar, social, educativo, económico, cultural, etc. É imprescindible erradicar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas públicas efectivas na prevención das violencias machistas e na promoción da igualdade.

Porque a loita contra as violencias machistas esixe un traballo constante e decidido, e por iso que, comezando polo noso concello, que debe poñer no centro da súa actividade municipal a erradicación de todo tipo de expresións de violencia machista, e para quen a violencia de xénero debe ser unha prioridade política, e non unha simple retórica para as datas sinaladas,

O PLENO DO CONCELLO DE FENE, ADOPTA OS SEGUINTES ACORDOS:

PRIMEIRO: Colocación dunha placa no edificio de Servizos Sociais, en memoria de todas as mulleres vítimas de violencias machistas.

SEGUNDO: Creación dunha Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero, como instrumento operativo de traballo, no que esten representados todos os ámbitos municipais implicados, directamente ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, en todas as súas manifestacións, co obxectivo de optimizar todas as actuacións que se requiran a tal fin.

TERCEIRO: Instar ó Goberno de España para que se modifique a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero ampliando a propia definición de violencia de xénero, cumprindo co ratificado dentro o Convenio de Istambul en 2014. É dicir, que se inclúan as violencias contra as mulleres fora do ámbito da parella ou exparella, que se incorpore a violencia sexual, laboral, institucional e tamén que se incorporen os ventres de alugueiro e a prostitución como violencia de xénero, implementando en todas as administracións públicas o catalogo de medidas urxentes aprobado no Consello de Ministras e Ministros o 27 de xullo de 2021, do Plan de Mellora e Contra a Violencia de Xénero, e que implica ao Ministerio de Igualdade, Xustiza, Interior, Sanidade, Dereitos Sociais e Axenda 2030, para avanzar na erradicación das violencias estruturais sobre as mulleres.

CUARTO: Instar ós Gobernos de España e da Xunta de Galicia para que, cada quen nas súas competencias, se impulsen Plans de Igualdade, que leven aparellados os suficientes recursos humanos e materiais, que na actualidade resultan moi escasos.

QUINTO: Instar ós Gobernos de España e da Xunta de Galicia para que, cada quen nas súas competencias, reforcen as actuacións con menores en contexto de violencia de xénero, e as actuacións dos puntos de encontro para adecuarse ao contexto.

SEXTO: Instar ós Gobernos de España e da Xunta de Galicia para que, cada quen nas súas competencias, desenvolvan plans de formación e sensibilización contra a violencia de xénero de obrigado cumprimento ao persoal sanitario, educativo, xurídico e ás forzas e corpos de seguridade do Estado, con cursos mantidos no tempo, actualizados e avaliables.

SÉPTIMO: Instar ós Gobernos de España e da Xunta de Galicia para que, cada quen nas súas competencias, desenvolvan e profundicen nas campañas de concienciación e información específicas, implicando ás contornas próximas ás mulleres que sofren a violencia, para que as apoien e comuniquen a situación ás administracións correspondentes.