O Concello financia proxectos relacionados coa cultura, o deporte, o ensino e mesmo coa seguridade cidadá

O Concello financia proxectos relacionados coa cultura, o deporte, o ensino e mesmo coa seguridade cidadá

O salón de plenos do Concello de Fene acolleu esta mañá a sinatura dos convenios nominativos dirixidos a financiar distintos proxectos desenvolvidos polas entidades do territorio relacionados coa cultura, o deporte, o ensino e mesmo coa seguridade cidadá. Dos 12 colectivos para os que se reservaba crédito, finalmente só suscribiron convenio dez deles, mentres que os outros dous se viron na obriga de renunciar á axuda ante a imposibilidade de levar adiante os proxectos subvencionados debido á pandemia. A contía total asignada hoxe ascende a 44.000 euros, con achegas que oscilan entre os 500 e os 11.000 euros, dependendo da actividade. Porén esta non será a única colaboración económica do Concello co tecido social, xa que proximamente tamén se farán efectivos os 105.800 euros da liña de concorrencia competitiva.

O Concello incrementou este ano con recursos propios o montante global que se dedica en cada exercicio a botarlles unha man ás asociacións socioculturais, clubes deportivos e colectivos do territorio que traballan no ámbito social.


Tocou rubricar os convenios relacionados con eses proxectos puntuais e de especial interese municipal relacionados coa cultura, o ensino, os deportes e a seguridade cidadá, dos que se beneficiarán oito colectivos. Son a AVV de Magalofes -organizadora da Festa do Poldro-; a AC Felicia -promotora do Felicia Pop-; o CMI Unidade de Fene -quen convoca o premio de poesía Xosemaría Pérez Parallé-; a asociación Airiños de Fene -organizadora da Xuntanza de Gaiteiros-; o Club Escudería Scratch Fene, quen desenvolve o seu Slálom no Vilar do Colo; a AC Os Centolos, que organiza o Fenerock e o CPS de San Valentín que organiza a festa do lagostino.

Ademais destas tamén suscribiron convenio as ANPAs de Centieiras e dos Casais para cofinanciar o seu servizo de comedor escolar, e tamén a Asociación de Voluntariado de Protección Civil, quen levou a cabo un grande labor nos últimos meses colaborando con distintos departamentos municipais.

O importe total dos convenios asinados  sitúase en 44.000 euros. Unha cifra inferior á prevista inicialmente, posto que debido á situación sanitaria non chegaron a se celebrar eventos como a Romaría e maila Festa da Ameixa promovidas tradicionalmente pola ACRD O Pote, nin tampouco a Festa da Orella organizada pola A,VV de Limodre. Para estas citas o Concello tiña reservados, en conxunto, outros 4.900 euros.

Pecha o capítulo de axuda ao tecido social do municipio a partida económica para cubrir a liña de axudas en concorrencia competitiva, é dicir, para sufragar a actividade xeral que desenvolven os colectivos ao longo do ano.

A efectos de xustificación admitiranse como válidos os gastos correntes e de funcionamento -organización de eventos e actividades, consumos enerxéticos, obras que non se consideren investimentos, merca de material de oficina e non inventariable, etc.-, de maneira que as asociacións poderán percibir axudas neses conceptos aínda que este ano se visen obrigadas a suspender os seus programas.

As 28 solicitudes admitidas pasaron esta mañá pola Comisión avaliadora, da que tamén forma parte un representante de cada grupo político. Este órgano aprobou por unanimidade a proposta de distribución elaborada polo persoal técnico municipal seguindo as bases da convocatoria. A proposta deberá ser ratificada pola Xunta de Goberno Local, algo que seguramente se produza nesta semana co obxectivo de que todas as beneficiarias poidan percibir canto antes a contía que lles corresponda.