O dúo Vento Dolce protagoniza este ano o Concerto de Nadal do Concello de Fene
15-12-2021
A igrexa de Limodre acolle este venres, a partir das 20.00 horas, o recital “Bo Lyric Nadal”. Trátase dunha proposta musical especialmente pensada para meternos de cheo no espírito do Nadal, empregando algunhas das páxinas máis recoñecibles da música relixiosa desde o Barroco até a época contemporánea. O concerto correrá a cargo do grupo Vento Dolce, formado polas intérpretes Gemma Román (voz) e Andreina Muñoz (piano) e nel, a través dun repertorio para voz solista, “poderemos viaxar no tempo e na xeografía, desde algunha das panxoliñas galegas máis fermosas pasando por pezas de inspiracións castelá, andaluza e mesmo algunhas pinceladas musicais de procedencia internacional (Francia, Inglaterra, Sudamérica, etc.)
Vento Dolce xorde na cidada da Coruña no ano 2015 debido a un cruce de camiños na vida de Gemma Román e Andreina Muñoz. Segundo explican, “a ilusión por comezar unha andaina musical en común vai más alá dos eventos privados e por tentar mostrar ao público a beleza da linguaxe universal chamada música”; o que leva a estas dúas mulleres a embarcarse nesta aventura espectacular na que interpretan pezas de distintos estilos, épocas e procedencias.
Actividade de balde, con aforo limitado e sen reserva previa.
Dirixida a todos os públicos.
Organiza: Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)