Esgotadas as prazas para o obradoiro de Arrolos de Mamá Cabra e para o espectáculo de Orella Pendella
BellónMaceiras presenta este xoves na Casa da Cultura o seu primeiro conto musicado, A Música das buguinas
20-12-2021
BellónMaceiras, o dúo formado por Daniel Bellón e Diego Maceiras, presenta este xoves, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar. A partir dun texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de "A Música das buguinas" cunha selección de temas populares e composicións propias. A entrada á presentación do xoves será con reserva de praza no correo cultura.deportes@fene.gal, no teléfono 981 340 366 (en horario de mañá), ou por whatsapp, no 607625357, xa que o aforo é limitado.
O conto “A música das buguinas” está ilustrado por Leandro Lamas e narrado por Gloria Mosquera, de Mamá Cabra. Nel, o mundo de Roque, o neno que escoitaba os sons do mundo a través da súa buguina, pretende achegar a música tradicional galega ó público infantil e facer que os adultos a redescubran. Unha música cunha coidada selección entre os xéneros máis coñecidos e queridos da nosa tradición: muiñeiras, alboradas, pasodobres, pasacorredoiras ou regueifas. O volume xa está dispoñible á venda na web www.bellonmaceiras.com e na Escola de Música BellónMaceiras en Fene.
NADAL NA BIBLIOTECA DE FENE
A programación de Nadal da Concellería de Cultura de Fene continúa este martes, 21 de decembro, cun obradoiro de Arrolos para bebés, a cargo de Mamá Cabra. A actividade comezará ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal "Xosemaría Pérez Parallé" con aforo limitado (ENTRADAS ESGOTADAS).
Arrolos, proposta -na que participan os feneses Gloria Mosquera e Diego Maceiras- concíbese como un encontro participativo para gozar das melodías e aprender algúns arrolos cos que adormecer ou aleitar as meniñas e meniños, fomentando ao mesmo tempo o seu descubrimento da música.
A actividade na biblioteca pública continuará ao día seguinte, o mércores 22 de decembro ás 12:00h., coa narración oral "Orella Pendella" da compañía Migallas Teatro. O espectáculo para a rapazada abrangue idades desde os poucos meses até os 6 anos, aínda que tamén lles arriquecerá ás mamás e papás.
Nel xúntanse os ditos de sempre con cancións tradicionais acompañadas de música ao vivo, enfiados en todo caso pola promoción da lingua e da cultura galegas. Actividade con aforo limitado (ENTRADAS ESGOTADAS)
Organiza: Concellería de Cultura de Fene
Colabora: Rede Cultural da Deputación