O Concello de Fene vén de ser seleccionado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para desenvolver un proxecto integral a nivel municipal
23-12-2021
Dende o mes de setembro o Concello está traballando na elaboración dun Plan Municipal para a implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). O programa ten como obxectivo coñecer a situación do Concello respecto á súa contribución cos ODS e coa Axenda 2030, así como tamén artellar unha folla de ruta para mellorar o seu aliñamento con esta planificación a nivel global.
O pasado 20 de decembro celebrouse o segundo encontro de persoal técnico e político municipal. A finalidade do mesmo foi seguir alimentando a diagnose de situación, coñecer e validar as propostas que lanzou a cidadanía para o Plan Municipal para a implementación dos ODS o pasado mes de novembro. Así, continuamos a traballar pola inclusión e posicionamento dos ODS na axenda municipal, porque o Concello de Fene camiña para ter en conta as persoas e o planeta no centro das súas políticas municipais.