O ciclo está organizado pola Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene
O programa ContandoCiencia traerá a Fene a seis recoñecidos investigadores e divulgadores científicos galegos
28-12-2021
A física especializada en atmosfera Susana Bayo, o astrofísico Borja Tosar, o físico e catedrático de electromagnetismo Jorge Mira, o inmunólogo José Gómez Rial, a psiquiatra Iria Veiga e o doutor en Bioloxía Xurxo Mariño, son os relatores convidados ao ciclo ContandoCiencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. O programa, que ten por obxecto achegar a ciencia á poboación, estará aberto ao público en xeral e arrincará o mércores 12 de xaneiro coa primeira charla sobre “A pelexa da ciencia contra o cambio climático”. Todas as conferencias serán na Casa da Cultura de Fene, un mércores ao mes e sempre ás 19.30 horas, con entrada libre até completar o aforo e atendendo ao seguinte calendario:
. 12 de xaneiro_ Susana Bayo, física especializada en atmosfera e investigadora no Ephyslab, da UVIGO. Tema: “A pelexa da ciencia contra o cambio climático”.
Susana Bayo Besteiro (Guitiriz, 1977) é licenciada en Física, especializada en atmosfera e medio ambiente. Actualmente é investigadora predoutoral no EphysLab da Universidade de Vigo no eido dos servizos climáticos para a enerxía eléctrica renovable. Dentro deste traballo ten elaborado informes de carácter confidencial para a industria enerxética e participado en conferencias internacionais.
Dende febreiro do 2021 é directora e presentadora de El Tiempo en Telemiño, La Región Atlántico Diario espazo de información e divulgación meteorolóxica diario.
Fora da área académica ten desenvolvido a súa carreira no sector público e privado. Susana Bayo foi concelleira de Medio Ambiente e Transporte na cidade de Ourense (2011-2015) implementando políticas de mellora da contorna e de adaptación ao cambio climático.
Ademais, é membro da dirección executiva en España da organización fundada por Al Gore The Climate Reality que se adica, con actividades de divulgación, a promover o coñecemento do cambio climático entre a poboación en xeral.
. 16 de febreiro_ Borja Tosar, astrofísico e divulgador científico. Tema: “Vacacións marcianas” (con observación despois da charla).
Borja Tosar é astrónomo e piloto. Estudou o Máster en Astronomía e Astrofísica e despois o Master en Comunicación Cientifica na Universidade Internacional de Valencia e desfruta coa divulgación científica. Colabora co Planetario de Coruña onde fai as postais planetarias, unha charla mensual sobre actualidade astronómica moi informal. Tamén fala de astronomía en Efervesciencia na Radio Galega, en Coruña na onda de Onda Cero Coruña e teclea algo na La Voz de Galicia e no portal de ciencia OpenMind.
. 16 de marzo_ Jorge Mira, físico e catedrático de electromagnetismo pola USC. Tema: “Cambio estacional de hora e fuso horario de España”.
Jorge Mira é licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (1991), doutor europeo en Física (1995) e catedrático de Electromagnetismo pola Facultade de Física da USC. Colaborador da Secretaría Xeral de Política Científica e Tecnolóxica - Ministerio de Educación e Ciencia, para a creación e posta en marcha do Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía - INL de Braga, Portugal (2006-2007). En 2016 foi elixido Académico Correspondente da RAG. En 2018 foi nomeado membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. En 2020 foi membro do equipo de 4 investigadores encargados da predición da evolución da pandemia COVID19 para o Goberno de Galicia.
Ademais do seu labor científico e académico, desde finais dos anos 90 é un activo divulgador científico en distintos medios de comunicación. Creador en 2005 do Programa Conciencia, unha acción de divulgación científica articulada ao redor da visita a Galicia de Premios Nobel (ou o seu equivalente en matemática e ciencias da computación), que dirixe desde entón. No marco deste programa, en 2008 puxo en marcha no «Premio Fonseca de comunicación da ciencia», de carácter internacional. Ademais, é director da colección de divulgación científica da editorial da Universidade de Santiago de Compostela desde 2012.
. 27 de abril_ José Gómez Rial, inmunólogo e membro do departamento de Inmunoxenética do Hospital Clínico de Santiago e do grupo de investigación GENVIP. Tema: “A viaxe da vacina fronte a Covid-19 no teu corpo”.
José Gómez Rial é facultativo de Inmunoloxía no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e coordinador de Inmunoloxía no Grupo de Investigación en Vacinas GENVIP, asesor externo do Comité Asesor de Vacinas da Asociación Española de Pediatría (CAV-AEP), amais de auditor da European Federation for Immunogenetics (EFI) para Laboratorios de Inmunoxenética e Histocompatibilidad. Auditor de ENAC para a acreditación segundo a norma UNE:EN:ISO 15189 na área de Inmunoloxía
“As vacinas funcionan pero como o fan?. Nesta charla descubriremos a apaixoante viaxe que se produce dende a inxección da vacina no noso brazo ata o momento que xera a protección fronte o virus, empregando a vacina fronte á Covid-19 como exemplo, describindo os diferentes tipos de vacinas existentes e as diferenzas entre elas. Falaremos dun modo sinxelo dos mecanismos inmunolóxicos que fan que as vacinas funcionen”.
. 11 de maio_ Iria Veiga, psiquiatra e divulgadora científica. Tema: “Adolescencia e saúde mental”.
Iria Veiga (Ferrol, 1981) é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Mantén o blog O outro lado do espello e participa nas iniciativas divulgadoras Escépticos no Pub e Pint of Science.En 2017 gañou o Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo co artigo Inchazón. En 2018 participou no LGx15 coa intervención Síndrome do Noroeste e en Malas linguas da Deputación da Coruña.
. 1 de xuño_ Xurxo Mariño, doutor en Bioloxía e profesor da UDC. Tema: “Unha mirada á evolución da linguaxe”.
Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) é biólogo e Doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC (1998), profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña (na actualidade en excedencia).
Especializado en neurofisioloxía, forma parte do grupo de investigación Neurocom da UDC, así como de varias sociedades científicas estatais e internacionais. Ten publicado traballos de investigación en revistas especializadas e colaborado co Massachusetts Institute of Technology (MIT), onde desenvolveu as súas investigacións de posdoutoramento.
O seu traballo de investigación en neurofisioloxía céntrase no estudo dos mecanismos sinápticos de distintas vías sensoriais a nivel talámico e pretalámico, na interacción tálamo-cortical e no regulamento dos niveis de actividade encefálica global no ciclo sono-vixilia. Paralelamente, ten desenvolvido software especializado de estimulación, rexistro e análise electrofisiolóxico, e colaborado no desenvolvemento de ferramentas estatísticas de análise.
Realiza múltiples actividades de divulgación do coñecemento científico, procurando ademais a interacción co mundo das humanidades.
Máis información en @contandoCIENCIA