O judo galego dase cita en Fene
08-02-2022
Coa celebración da segunda xornada da Liga Galega Rías Altas de Judo botará a andar este sábado no pavillón da Xunqueira de San Valentín unha intensa fin de semana adicada a este deporte. Serán dous días, o sábado 12 e o domingo 13 de febreiro, nos que confluirán distintas actividades como a segunda xornada da Liga Galega Rías Altas de judo, unha charla sobre as novas normas de arbitraxe, unha master class cun judoka olímpico ou unha nova xornada de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar). As actividades están organizadas pola Concellería de Deportes de Fene, Club Artes Marciais Fene e AD Judo Ferrolterra. Entrada libre até completar o aforo.
Ao redor de 180 judokas do norte de Galicia competirán este sábado pola mañá en San Valentín na segunda xornada da Liga Galega Rías Altas, na que tomarán parte os clubs Artes Marciais Fene, Ad Judo Ferrolterra, Ximnasio Fibra, Judo C. Arteixo, Judo C. Bergantiños, J.C.Culleredo, Compostela Judo Club, J.C.Cambre e A.D. Liceo. A competición desenvolverase entre as 10:30 e as 12:30 horas.
A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar unha Charla de Arbitraxe a cargo de Jaime Roque (Director de Arbitraxe de Galicia), sobre as novas Normas de Arbitraxe.
Xa o sábado pola tarde, os judokas poderán participar nunha Master Class a cargo de Roberto Naveira (deportista olímpico en Atlanta 96). Este adestramento, dirixido a judokas de tódalas categorías de competición, dende Infantil a Senior, comezará ás 17:00 h e terá unha duración de dúas horas, até as 19:00 h.
Por último, o domingo pola mañá, desenvolverase en San Valentín a competición XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) para a zona de Lugo e Comarca de Ferrolterra, coa participación tamén dun club de Santiago de Compostela. Dende as 11:00 da mañá, ao redor de 250 judokas pasarán polas instalacións do Pavillón A Xunqueira para practicar o seu deporte.
Segundo informan as entidades organizadoras, todas as actividades realizaranse con medidas anti-covid e con estrito cumprimiento dos protocolos federativos.