Homenaxes, música e desfile de comparsas no Entroido 2022 do Concello de Fene
25-02-2022
Cun acto institucional en lembranza de "Franki" e "Chalo", membros da Asociación Cultural "O Tadetas" de Fene que faleceron en 2010 e 2020, respectivamente, comezará o vindeiro luns o Entroido no Concello de Fene. Como xa se avanzou días atrás, o programa deste ano inclúe para o martes 1 de marzo un concerto "Tributo hard rock", a cargo do grupo Exit, e o tradicional desfile de comparsas que finalizará coa queima do Meco e cun espectáculo pirotécnico, o mércores día 2. Ao peche do prazo de inscrición aberto polo Concello, serán un total de 8 agrupacións as que protagonicen o pasarrúas do Mércores de Cinza, festivo local.
No arranque do Entroido 2022, o goberno local de Fene e o colectivo "O Tadetas" renderán homenaxe a Francisco Lamas Sixto, "Franki", e a Gonzalo Martínez Bello, "Chalo", dúas figuras fundamentais na recuperación destes festexos no municipio. O acto desenvolverase o vindeiro luns, 28 de febreiro, Luns de Entroido, a partir das 18 horas no salón de Plenos Municipal, e consistirá na entrega dunhas placas conmemorativas aos familiares dos falecidos.
O ciclo continuará na xornada do martes 1 de marzo, Martes de Entroido, co concerto "Tributo hard rock", a cargo do grupo EXIT. A actuación terá lugar na praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das 20.00 horas, con entrada de balde, aforo limitado e reserva previa de localidades até as 14:00h do luns no correo-e cultura.deportes@fene.gal, no teléfono/whatsapp 687 709 137 ou no teléfono 981 340 366.
EXIT é unha banda de versión nada no ano 2008. Orixinalmente creouse para ser o grupo residente na prestixiosa Sala Mardi Gras da Coruña, un dos clubs de música en directo máis importantes do Estado. Foi neste espazo onde se desenvolveu a maior parte da súa actividade, tocando cada noite de xoves unha chea de éxitos para unha lexión de incondicionais.
O repertorio de EXIT, que actualmente conta con máis de 100 temas, reune unha boa colección de clásicos da historia do rock de diferentes décadas. Todos eles himnos que transportan á audiencia ás mellores épocas das grandes bandas rockeiras: David Bowie, Kiss, AC/DC, Rolling Stones, Ramones, Led Zeppelin, Jimi Hendrix, Janis Joplin, Queen, Sex Pistols... son só algúns dos artistas que EXIT leva ao escenario.
A formación conta con Ton Eirín como voz principal, guitarra e harmónica; JC Nogueira á guitarra, Marcos Pazo á batería e Javi Vaamonde ao baixo e voces.
As comparsas volven botarse á rúa o Mércores de Cinza
As actividades continuarán o mércores 2 de marzo, Mércores de Cinza e festivo local no Concello de Fene. Comezarán coa concentración das comparsas participantes ás 19.00 horas en Perlío (Establecemento Aguilar) para iniciar un percorrido pola Avda. Marqués de Figueroa e Rúa da Fraga, ata chegar á Avenida do Concello.
Tras concluír o prazo de inscrición aberto polo Concello, finalmente foron 8 formacións as que confirmaron a súa asistencia ao Entroido fenés, procedentes tanto do propio municipio como de Ferrol e Narón. Son, por orde de inscrición, Os Parrandolos, Os Argalleiros, Os Colludos, As Xoaniñas de Chao, A Revolta de Trasancos, Centieiras coa Ciencia, Semente de Transancos e Paso a Paso.
Este ano non haberá actuación das comparsas na Praza do alcalde Ramón José Souto González. No seu lugar, actuarán ao longo do percorrido. E, ao remate do desfile, as agrupacións farán funcia tamén en distintas localizacións da Avenida do Concello e Rúa da Fraga. Estas localizacións, xunto co nome da comparsa que actuará en cada punto, anunciaranse na páxina web fene.gal e no Facebook municipal.
Por último, ao remate da xornada, terá lugar no Parque Castelao a queima do boneco e o espectáculo pirotécnico.
Atendendo á situación sanitaria, o Concello de Fene lembra as recomendacións de seguridade e medidas preventivas COVID para o público que asista ao desfile de comparsas do Mércores de Cinza. Son as seguintes:
Situarse nas beirarrúas, beiravías e outros espazos nos que non se interfira no desfile.
Non invadir o espazo no que actúen as comparsas, nin interactuar cos seus membros.
Gardar a distancia de seguridade, 1,5 metros, entre persoas non conviventes. Recomendable o uso da máscara en todo momento para persoas de 6 ou máis anos (Protocolo da Dirección Xeral de Saúde Pública para as actividades do Entroido e concentración de persoas na vía pública).
Utilizar o solucións/xeles hidroalcohólico ou lavar as mans logo de tocar obxectos que puideran estar contaminados (por exemplo, as letras que distribúen as comparsas) A
tender as indicacións que lle formule o persoal encargado da organización.
Extremar as precaucións cando remate o desfile ou se restableza o tráfico rodado.
En caso de mal tempo ou por aplicar medidas preventivas derivadas da COVID, poderíanse anular o desfile e o resto de actividades. Anunciarase a partir das 13:00 horas do mesmo día 2 de marzo na páxina web e no Facebook do Concello de Fene.
O Entroido está organizado polo Concello de Fene coa colaboración da Asociación Cultural "O Tadetas" e a axuda da Agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil de Fene, que coordinará coa Policía Local o dispositivo de tráfico e seguridade.