Exit en concerto no entroido fenés
28-02-2022
O entroido en fene continuará na xornada de mañá martes 1 de marzo, Martes de Entroido, co concerto "Tributo hard rock", a cargo do grupo EXIT. A actuación terá lugar na praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das 20.00 horas, con entrada de balde, aforo limitado e reserva previa de localidades até as 14:00h do martes (prazo ampliado) no correo-e cultura.deportes@fene.gal, no teléfono/whatsapp 687 709 137 ou no teléfono 981 340 366.
EXIT é unha banda de versión nada no ano 2008. Orixinalmente creouse para ser o grupo residente na prestixiosa Sala Mardi Gras da Coruña, un dos clubs de música en directo máis importantes do Estado. Foi neste espazo onde se desenvolveu a maior parte da súa actividade, tocando cada noite de xoves unha chea de éxitos para unha lexión de incondicionais.
O repertorio de EXIT, que actualmente conta con máis de 100 temas, reune unha boa colección de clásicos da historia do rock de diferentes décadas. Todos eles himnos que transportan á audiencia ás mellores épocas das grandes bandas rockeiras: David Bowie, Kiss, AC/DC, Rolling Stones, Ramones, Led Zeppelin, Jimi Hendrix, Janis Joplin, Queen, Sex Pistols... son só algúns dos artistas que EXIT leva ao escenario.
A formación conta con Ton Eirín como voz principal, guitarra e harmónica; JC Nogueira á guitarra, Marcos Pazo á batería e Javi Vaamonde ao baixo e voces.