Fene inicia os actos do 8M cunha homenaxe ás traballadoras do SAF e do servizo de limpeza
07-03-2022
As homenaxeadas foron as traballadoras do SAF Mercedes López, Eva vizoso e Marta Otero, xunto coas traballadoras do Servizo de Limpeza Mercedes Casdelo e Josefina López, quen recibiron de mans do alcalde, Juventino Trigo, e da Concelleira de Servizos Sociais, Mari Carmen Martínez, un pequeno agasallo e o recoñecemento municipal "polo seu labor fundamental" nos intres máis críticos da pandemia.
Este agradecemento público foi un xesto que xa se anticipaba na Declaración Institucional aprobada no pleno do xoves, onde se denuncia a "invisibilidade" do traballo feminino precisamente no sector dos coidados e da limpeza, acentuada aínda máis por unha crise sanitaria cuxa sobrecarga de traballo dentro e fóra da casa foi asumida maioritariamente por mulleres. Unha situación que, ademais, tamén incrementou a fenda salarial e que "volveu reglegarnos ao fogar, desprazándonos do espazo público".
Máis citas con motivo do 8M
Alén da homenaxe ás traballadoras municipais, o Concello tamén programou outras actividades polo 8 de Marzo. A primeira foi a colocación da bandeira feminista na balconada do consistorio, como símbolo do compromiso municipal coa igualdade, a reivindicación de dereitos e do impulso decidido ás políticas municipais nese sentido, sobre todo no referido a accións de sensibilización, de compromiso social e de tipo educativo.
Así, o próximo 14 de marzo a partir das 19:30h. a casa da Cultura acollerá, con entrada libre, a representación da obra "Invisibles". Trátase dnha adaptación do libro homónimo da xornalista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. A peza, producida por RedRum Teatro, está protagonizada por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.