Non pasa nada, pasa algo?
05-04-2022
Mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada, debido a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de substancias e comportamentos aditivos. É o principal obxectivo do programa "Non pasa nada, pasa algo?" que botou a andar este martes no CPI A Xunqueira de San Valentín, organizado pola Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, coa colaboración dos Concellos de Neda e Mugardos (cos que está a desenvolver un proxecto de prevención de condutas aditivas, financiado pola Consellería de Sanidade). Logo desta primeira xornada, entre os meses de abril e maio realizaranse diversas charlas, tanto no CPI A Xunqueira, coma no IES Fene e no CPR Jorge Juan. Cada centro elexiu os cursos destinatarios cos que se desenvolverán un total de tres sesións por grupo, ata chegar ás 12 horas por centro.
"Non pasa nada, pasa algo?" pretende informar á mocidade para axudar a entender as características xerais do fenómeno das adiccións con substancias e comportamentais (alcohol, cannabis e ludopatías), as súas implicacións na sociedade e os riscos que conlevan as adiccións, así como a axudar a desterrar prexuízos". A nivel familiar, o obxectivo do programa é "informar e apoiar ás familias dos menores, orientando en situacións de dificultade, mediante espazos familiares" e "promover nas familias dos menores en situación de risco, un incremento das habilidades de xestión, comunicación e negociación familiar con intervencións personalizadas".
A poboación destinataria do programa é o alumnado de 2º, 3º, 4º de ESO e FP Básica ao que se lle ofrece "manexar unha información obxectiva e veraz que lle axude a adoptar decisións autónomas e responsables en beneficio propio e social, reforzando actuacións preventivas".
Entre os meses de abril e maio realizaranse sesións nos centros escolares da Xunqueira, IES Fene e CPR Jorge Juan. Cada centro elixe os cursos destinatarios, ofertando tres sesións por grupo, ata chegar a 12 horas por centro.
Datas de realización:
• CPI A Xunqueira: 5, 6, 7, 8, 20 e 22 de abril.
• IES Fene: 25, 27 de abril, 2, 4, 9 e 11 de maio.
• CPR Jorge Juan: 5, 12, 19 e 26 de maio.
Nº de alumnado participante:215.
A sesión é impartida por unha técnica de ASFEDRO e a coordinadora do programa é a pedagoga municipal.