Nova edición do espazo de encontro entre mulleres, INDIRA
13-04-2022
A Concellería de Benestar Social e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha o vindeiro 21 de abril o Proxecto Indira V, espazo de encontro entre mulleres. Dita actividade vai dirixida a mulleres que queiran mellorar a súa autoestima, coñecerse, respectarse, crecer persoalmente, potenciar o seu autocoidado a nivel emocional e psicolóxico e, sobre todo, empoderarse.
Para participar é preciso inscribirse previamente no Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. do Mar, Bloque 1-baixo en San Valentín); chamando por teléfono (981 342 607 ou 981 492 706); ou enviando un correo electrónico (servizos.sociais@fene.gal co asunto INSCRICIÓN INDIRA e indicando nome e apelidos e teléfono de contacto).
Os encontros desenvolveranse a partir ddo 21 de abril, todos os xoves de 11 a 13 horas na Casa da Cultura de Fene.
“Proxecto Indira” trátase dun espazo onde as mulleres poden experimentar, coñecerse, crecer xuntas, relaxarse e gozar. É unha proposta activa e mobilizadora da condición feminina, co obxectivo de apoiar unha transformación real na vida das mulleres, pola súa propia saúde individual e familiar.
Os grupos serán dirixidos por unha psicoterapeuta con ampla experiencia en traballo con mulleres, terapia do reencontro, igualdade e violencia de xénero.