Contacontos na Biblioteca Municipal para conmemorar o Día do Libro
20-04-2022
A actriz e contadora de historias Raquel Queizás leva “A maleta da avoa” este xoves, 21 de abril, á Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé. Trátase dun espectáculo de contos e lendas tradicionais galegas no que se empregan obxectos e monicreques. A función, dirixida a nenas e nenos de tres anos en diante e as súas familias, comezará ás 18 horas. Para asistir, cómpre reservar praza na biblioteca de Fene ou por teléfono (981 34 23 02 ou 607 62 53 46), en horario de apertura da mesma: de 16.00 a 21.00 horas.
“Dende ben pequena escoitaba os contos da avoa pola mañá, na merenda e, sobre todo, pola noite. A maleta da avoa está chea de pequenos tesouros, nela vive a memoria. Dentro brincan trasnos, mouras, nenas espelidas, bonecas feitas con carozos de millo...”. Así se presenta “A maleta da avoa”, o espectáculo co que a Biblioteca municipal de Fene conmemora este ano o Día do Libro (23 de abril)
RAQUEL QUEIZÁS
Comezou a súa andaina na narración oral profesional ao tempo que acadaba a licenciatura en Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela. Era o ano 1999 e a súa paixón pola literatura e a narración oral levábaa por bibliotecas e escolas de toda Galicia. Seguiu narrando historias en Vila Real (Castellón) e despois en Madrid, onde colaborou coa compañía Akántaros en diversos proxectos de fomento lector, facendo sesións de contos e obradoiros de animación á lectura. Logo viaxou ao sur, onde narrou en moitas bibliotecas para o Centro Andaluz das Letras. Tamén realizou varias actividades de fomento á lectura na Fundación Leer León.
No ano 2007 volta a Galicia e participa na Semana do Libro de Carballo e de Lugo, no Festival Internacional de Palabra en Verín. Participou no programa de fomento da lectura Letras Vivas dende o ano 2010 ao 2012. E desde o 2011 ven participando como narradora no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Desde 2013 imparte obradoiros de Narración Oral na Facultade de Maxisterio da Universidade da Coruña e forma parte do profesorado de narradores do CIOV, Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo. Tamén leva a cabo obradoiros de narración oral para mestras e mestres (Asociación Pedagóxica Galega, Centro de Formación e Recursos do Profesorado)