A Concellería de Deportes organiza as xornadas "Xogando co atletismo"
21-04-2022
Ao redor de cincocentos rapaces e rapazas de 1º a 6º de primaria dos colexios O Ramo, Centieiras e Jorge Juan tomará parte a vindeira semana nas xornadas "Xogando co atletismo" que organiza a Concellería de Deportes de Fene. A actividade desenvolverase entre os días 25 (luns), 27 (mércores) e 28 (xoves) de abril nas pistas de atletismo do Pazo, en Barallobre. No caso de choiva, trasladarase ao pavillón do colexio O Ramo. "Xogando co atletismo" é unha xornada deportiva na que se realizarán diversas probas nun circuíto continuo, de xeito que todo o alumnado participe simultaneamente nas diferentes actividades.
Con estas xornadas o Concello e a Xunta de Galicia, a través do programa “XOGADE”, tentan que o alumnado coñeza de forma práctica as diferentes modalidades do atletismo dun xeito divertido. Por este motivo, en ningún caso se tomarán anotacións das diferentes marcas ou tempos realizados, co obxectivo que se perciban estas xornadas dun xeito lúdico e non competitivo. Ao igual que en anteriores edicións, o Concello proporcionará auga e froita ao alumnado participante. E a Xunta de Galicia farase cargo do transporte do alumnado e do profesorado dende os respectivos centros de ensino ata o lugar de realización dos xogos (e viceversa).
Segundo o programa das xornadas, cada día participará o alumnado de 2 cursos dun mesmo ciclo. Distribuiranse as diferentes probas nun circuíto, de xeito que os nenos e nenas vaian pasando por grupos dunha proba a outra ata que, finalmente, se organicen as de relevos, que non se incluirán no circuíto anterior.
O luns 25 de abril participará nas xornadas o alumnado de 3º e 4º de primaria dos tres centros de ensino. Entre as actividades que realizarán, salientan os concursos (salto de lonxitude nunha colchoneta a pés xuntos, salto de lonxitude en area con carreira previa, salto lateral durante 20 segundos, lanzamento de xabelina de espuma, lanzamento de peso de 1 kg desde posición de sentado) e carreiras (de velocidade 60 mts., de velocidade 60 mts vallas, etc.)
Despois das probas anteriores a realizar en circuito, desenvolveranse as carreiras de relevos nas que se dividirá aos rapaces en equipos para participar nas seguintes carreiras:relevos de velocidade 4 x 50 mts., relevos Gimkana en equipos de 4...
A xornada do mércores 27 de abril estará adicada ao alumnado de 5º e 6º de primaria. Novamente haberá concursos (salto de lonxitude nunha colchoneta a pés xuntos, salto de lonxitude en area con carreira previa, salto de tesoira, salto lateral durante 20 segundos, lanzamento de xabelina de espuma, lanzamento de peso de 1 kg desde posición de sentado) e carreiras (de velocidade 60 mts., de velocidade 60 mts vallas, valla a 10 mts da saída e posteriormente a 6-7 metros entre vallas)
Despois das probas anteriores a realizar en circuíto, realizaranse as carreiras de relevos nas que se dividirá aos participantes en equipos (relevos de velocidade 4 x 50 mts. e relevos Gimkana en equipos de 4)
"Xogando co atletismo" concluirá o xoves 28 de abril coas actividades dirixidas ao alumnado de 1º e 2º de primaria. Concursos: salto de lonxitude nunha colchoneta a pés xuntos, salto de lonxitude en area con carreira previa, salto lateral durante 15 segundos, lanzamento de xabelina de espuma e lanzamento de peso lixeiro – pelota blanda. E carreiras: de velocidade 50 mts. e de velocidade 50 mts vallas. Despois das probas anteriores a realizar en circuito, realizaranse as carreiras de relevos: de velocidade 4 x 25 mts. e relevos Gimkana en equipos de 4.
En calquera das tres xornadas, o horario da actividade será de 10:00 a 13:00 h. e terá unha duración aproximada de dúas horas e media, cun descanso de media hora para a merenda (o Concello proporcionará froita e augas a todo o alumnado).