O programa ContandoCiencia continúa o vindeiro mércores cunha charla do inmunólogo José Gómez Rial
22-04-2022
A cuarta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene o mércores 27 de abril ao inmunólogo e membro do departamento de Inmunoxenética do Hospital Clínico de Santiago José Gómez Rial. A conferencia, titulada “A viaxe da vacina fronte a Covid19 no teu corpo”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene, ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.
“As vacinas funcionan pero como o fan?. Nesta charla descubriremos a apaixoante viaxe que se produce dende a inxección da vacina no noso brazo ata o momento que xera a protección fronte o virus, empregando a vacina fronte á Covid-19 como exemplo, describindo os diferentes tipos de vacinas existentes e as diferenzas entre elas. Falaremos dun modo sinxelo dos mecanismos inmunolóxicos que fan que as vacinas funcionen”.
José Gómez Rial é facultativo de Inmunoloxía no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e coordinador de Inmunoloxía no Grupo de Investigación en Vacinas GENVIP, asesor externo do Comité Asesor de Vacinas da Asociación Española de Pediatría (CAV-AEP), amais de auditor da European Federation for Immunogenetics (EFI) para Laboratorios de Inmunoxenética e Histocompatibilidad. Auditor de ENAC para a acreditación segundo a norma UNE:EN:ISO 15189 na área de Inmunoloxía.
Trala cita deste mes con José Gómez Rial, ContandoCiencia continuará o 11 de maio, abordando o tema “Adolescencia e saúde mental” coa psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga.