ContandoCiencia aborda este mércores en Fene o tema da adolescencia e a saúde mental
09-05-2022
A quinta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene este mércores, 11 de maio, á psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A conferencia, titulada “Adolescencia e saúde mental”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene o mércores ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.
Iria Veiga (Ferrol, 1981) é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Mantén o blog O outro lado do espello e participa nas iniciativas divulgadoras Escépticos no Pub e Pint of Science. En 2017 gañou o Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo co artigo Inchazón. En 2018 participou no LGx15 coa intervención Síndrome do Noroeste e en Malas linguas da Deputación da Coruña.
Trala cita deste mes con Iria Veiga, ContandoCiencia concluirá o vindeiro 1 de xuño cunha charla do doutor en Bioloxía e profesor da UDC Xurxo Mariño sobre “Unha mirada á evolución da linguaxe”