Presentación do libro gañador do XXXIV Premio Pérez Parallé
11-05-2022
No marco da programación artellada ao redor do Día das Letras Galegas 2022, o CMI Unidade de Fene acolle este sábado, 14 de maio, a presentación de Alimentar canarios con ovos da casa, poemario de Anxo Mena que resultou gañador da última edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O acto terá lugar a partir das 20.00 horas e incluirá unha actuación musical a cargo da cantautora Sofía Espiñeira.
Alimentar canarios con ovos da casa foi seleccionada entre as 57 obras que se presentaron ao Premio Pérez Parallé en 2021. O xurado estivo formado pola crítica literaria e docente de Literatura Galega, Inma Otero; Ramiro Torres, graduado social e colaborador do grupo surrealista galego Xalundes e Regina Touceda, estudiante de Filoloxía Galega na USC e gañadora do Pérez Parallé no ano 2019 coa obra Deriva.
Nado en Carral en 1982, Anxo Mena é Doutor en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, especializado en Paleoceanografía e Sedimentoloxía, temas nos que segue a investigar. Actualmente reside en Cangas e traballa no Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), en Vigo. En 2012 obtivo o Premio de Poesía Anduriña Voandeira e, posteriormente, o Premio de Poesía Díaz Jácome de Mondoñedo (2012) e o Premio de Poesía da Universidade de Vigo (2015).
O certame nacional de poesía Xosemaría Pérez Parallé foi creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído en Montevideo pola comunidade galega no exilio.
ACTUACIÓN MUSICAL DE SOFÍA ESPIÑEIRA
Sobre a artista que actuará este sábado no CMI Unidade de Fene, no marco da presentación do libro gañador do Premio Pérez Parallé, cómpre salientar que Sofía Espiñeira inicia o seu percorrido musical no 2016 coa grabación do seu primeiro disco, Alá onde agroman as herbas, traballo que nace tras gañar o II Certame de canción de autor en galego do concello de Teo. Este primeiro álbum recolle nove temas orixinais compostos pola autora no que o seu estilo persoal mestúrase coa influencia das músicas de raíz. A canción A cabalo, que abre o disco, recibe recentemente o recoñecemento de estar nominada como finalista á mellor canción na edición 2019 aRi[t]mar Galiza e Portugal.
Con este primeiro traballo na man e tras un percorrido de concertos en salas, festivais e diversos espazos culturais, Sofía Espiñeira entra a formar parte do panorama musical galego coma unha das novas voces da canción de autora. Tamén entra en contacto nestes anos con outros proxectos, colaborando con artistas como MJ Pérez, A banda da loba ou recentemente, co escritor Antón Cortizas, co cal participa, xunto con outros moitos artistas, no libro-disco “O colo das palabras”. Actualmente a cantautora está a traballar nun segundo álbum, para seguir dándolle vida a este proxecto.
Cun estilo persoal influenciado polas músicas de raíz, Sofía Espiñeira diríxese a un público heteroxéneo cun repertorio variado no que bota man do estilo directo que caracteriza á canción de autora. As temáticas próximas e o xogo constante entre a fronteira do íntimo e do público achegan á compositora a conectar co ouvinte nun sentir común, apelando aos sentimentos que nos moven, ás loitas que nos atravesan e tamén achegándose con humor a situacións do noso cotián.A través dun novo formato a trío, Sofía Espiñeira preséntase nesta nova tempada acompañada da sonoridade do violoncello e a forza das percusións, cun repertorio que incluirá tamén temas novos do que será o seu próximo traballo.